A Xunta solicitará ao Goberno en funcións investir os 125 millóns de superávit de 2018 en educación e sanidade

"Ao Goberno, estea en funcións ou non, solicitarémoslle que nos deixen gastar o que é noso", manifestou Feijóo a pesar de ter pedido o adianto electoral.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2019 | Actualizada ás 15:28

Comparte esta noticia

A Xunta solicitará ao Goberno central poder investir o total do superávit de 2018, que ascende a 125 millóns de euros, en "mellorar servizos públicos sanitarios, educativos e sociais", tal e como anunciou o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión co seu Executivo.

"Ao Goberno, estea en funcións ou non, solicitarémoslle que nos deixen gastar o que é noso", manifestou o titular da Xunta, lembrando que a lei de Orzamentos Xerais do Estado (PGE) de 2018 --prorrogados a 2019 tras tombarse este mércores as contas do Executivo de Pedro Sánchez no Congreso-- permite ás comunidades executar os seus beneficios.

"Non hai ningunha xustificación para que non nos deixen", aseverou Feijóo, que advertiu tamén que Galicia "non vai financiar excesos" doutras comunidades "incumplidoras". Para iso, incidiu en que a convocatoria dun Consello de Política Fiscal e Financeira --órgano encargado de coordinar a Facenda estatal coas autonómicas-- podería "autorizar" o gasto deste superávit.

Con todo, o titular da Xunta celebrou que a Comunidade galega obtén "por primeira vez desde o ano 2002" un saldo positivo, ademais de ser a autonomía "que mellor paga" as facturas a provedores, posto que o fai nunha media de 13,3 días, 22 menos que a media das comunidades.

Feijóo. XUNTA DE GALICIA
Feijóo. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta