O galego, unha 'lingua de namorar' para a mocidade en Internet

Volve unha nova edición do concurso da Xunta de Galicia para promover o uso da lingua propia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2019 | Actualizada ás 16:51

Comparte esta noticia

Escribir mensaxes de amor en galego terá premio para os máis novos. Será a través dunha nova edición do concurso que pon en marcha a Xunta de Galicia 'Lingua de Namorar 2019' para promover o galego nas relacións persoais dos mozos e en Internet, co obxectivo de que perciban que utilizar a lingua galega para "falar cos compañeiros e establecer novas relacións é o máis normal do mundo".

Rolda de prensa de Valentín García e Cristina Pichel de Lingua de Namorar 2019. XUNTA DE GALICIA
Rolda de prensa de Valentín García e Cristina Pichel de Lingua de Namorar 2019. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Así o reivindicou o secretario xeral de Política Lingüísticia, Valentín García, durante o acto de presentación este xoves da campaña na que participan tamén as Consellerías de Cultura e Turismo e de Política Social.

O certame está dirixido a mozos de 14 a 35 anos, que se dividirán en dúas categorías de idade: de 14 a 19 e de 20 a 35. As mensaxes presentadas ao concurso deberán estar escritas en lingua galega e poderanse redactar en prosa ou en verso.

A súa extensión máxima será de 350 caracteres, incluídos os espazos en branco. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.

Para participar, os interesados teñen que rexistrarse na web do certame. Todas as mensaxes serán publicadas nesta páxina e estarán identificados o título e polo nome que se lles asigne.

A data límite para enviar as mensaxes de amor é o 28 de febreiro. Unha vez terminado este prazo, abrirase outro para realizar as votacións, do 1 ao 7 de marzo.

O xurado do concurso elixirá as mensaxes entre as 50 declaracións máis votadas en cada categoría. A súa resolución publicarase o 18 de marzo na web do concurso. Establécense tres premios por cada unha das categorías.

Na A de 14 a 19 anos o primeiro premio é unha tableta; o segundo, un libro electrónico e o terceiro, un altofalante portátil. Na categoría B, o primeiro premio consiste nun computador portátil, o segundo nun sistema de son e o terceiro nuns auriculares sen cables.

Durante a presentación, Valentín García explicou que "este tipo de iniciativas perseguen animar a unha mocidade que habitualmente domina o galego a dar pasos para empregalo de forma habitual".

"Ás veces, nos institutos dos rapaces que falan galego na súa casa relaciónanse exclusivamente en castelán, porque lles parece que é o que os seus iguais esperan deles", lamentou.

A iniciativa alcanzou o pasado ano os 1.500 participantes, unha cifra marca ata o momento e que "motiva a seguir promovendo este tipo de accións" encamiñadas a promover o uso do galego con liberdade" nun "ámbito tan íntimo con son os sentimentos", recalcou Cristina Pichel, directora xeral de Xuventude.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta