Feijóo critica agora o adianto electoral porque "colapsará" España

Cre que "prevaleceu" a opinión de dirixentes socialistas que "non querían" 'superdomingo': "Pero ese non é un problema dos españois"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2019 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, considera que o 28 de abril como día escollido polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para celebrar as eleccións xerais responde ao seu "interese persoal" ou "partidario", xa que España, con esta data, entrará "nun período de sombra" e "colapsarase practicamente ata despois de verán".

"En 2016 obrigou a repetir as eleccións, practicamente un ano perdido. No 18 obrigou a facer unha moción de censura. Este ano 2019, que non ten respaldo parlamentario suficiente, estando xa convocadas unhas eleccións para o 26 de maio, ocórreselle facer unhas eleccións xerais un mes antes", criticou Feijóo este venres, en declaracións aos medios tras a inauguración do orbital que conecta a AP-9 coa Cidade da Cultura, en Santiago.

Ao seu modo de ver, a decisión de Sánchez responde a unha "procura de rédito e intereses persoais", xa que hai "moitos responsables e presidentes autonómicos do Partido Socialista que non queren compartir cartel" co seu secretario xeral. "Pero ese é un problema do Partido Socialista, non é un problema dos españois", puntualizou.

O titular da Xunta, igual que o líder do PP, Pablo Casado, xa se mostrou este xoves partidario de celebrar as xerais o 26 de maio, facéndoas coincidir coas municipais, autonómicas --en 15 comunidades, entre as que non se atopa Galicia-- e europeas, porque doutra forma sería un "malgasto".

Neste contexto, Feijóo cre que o criterio que "prevaleceu" para fixar o 28 de abril como data para os comicios foi que "moitos dirixentes" socialistas "non querían" un 'superdomingo' electoral en maio. "Desde agora mesmo ata o mes de xuño, España, desde o punto de vista de decisións lexislativas, de decisións orzamentarias, queda paralizada, e iso creo que os españois non o merecen", expresou a continuación.

Inauguración da ligazón da AP-9 coa Cidade da Cultura. DELEGACIÓN DO GOBERNO
Inauguración da ligazón da AP-9 coa Cidade da Cultura. DELEGACIÓN DO GOBERNO | Fonte: Europa Press

O PP, UN PARTIDO "CENTRADO"

Seguidamente, preguntado sobre se o PP, coa nova dirección de Casado, está listo para acudir ás urnas, respondeu que "evidentemente ten que esta preparado", xa que "hoxe máis que nunca é necesaria unha alternativa".

Neste sentido, subliñou a disxuntiva entre un executivo saínte con "máis socialismo, máis nacionalismo, máis independentismo e máis populismo" e outro cun "partido centrado que gobernou España nos peores momentos" e que "non teña máis obxectivo que os intereses xerais de España" como é o Partido Popular.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta