Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2019 | Actualizada ás 16:51
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reclamou este venres, durante a inauguración da nova ligazón entre a AP-9 e a Cidade da Cultura de Santiago, que as decisións que afecten ás "grandes infraestruturas do país", como a propia Autoestrada do Atlántico ou os treitos pendentes da autovía entre Lugo e a capital galega, queden "á marxe dun cambio de Goberno" que poida xurdir por mor das eleccións xerais do próximo 28 de abril.
Neste sentido, recalcou a unanimidade no Parlamento galego para impulsar o traspaso da AP-9 --que será debatido proximamente no Congreso--, á vez que subliñou que o seu Executivo "vai seguir traballando" por que Galicia "deixe de pagar" os 1.400 millóns de euros que "supón o convenio asinado polo Ministerio de Fomento con Audasa para financiar as obras e os gastos de conservación e financeiros que supuxo facer a ampliación da Ponte de Rande e a circunvalación".
Así o expresou este venres durante a inauguración da ligazón que unirá a Autoestrada do Atlántico coa Cidade da Cultura de Santiago, acto no que tamén falaron o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e o alcalde compostelán, Martiño Noriega. Entre os asistentes estaban o presidente do Parlamento galego, Miguel Anxo Santalices; e os conselleiros de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; e de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.
Neste contexto, Feijóo lembrou que a infraestrutura, "esperada e perseguida de forma insistente pola Xunta", iniciou as súas obras o 18 de abril do ano pasado, cando o entón ministro de Fomento, Íñigo da Serna, puña a primeira pedra. Así, celebrou o "compromiso" do actual ministro, José Luís Ábalos, para completala. Deste xeito, e destacando a "lealdade" dos diferentes gobernos para a consecución da ligazón, pediu que "non cambie" a formulación con Galicia "con independencia" do partido que se atope no Executivo estatal.
A obra presentada este venres, que ascenden a un total de 3,5 millóns de euros, consiste nuns 1.800 metros de vía e tres glorietas --unha de nova creación-- que, segundo o presidente galego, "multiplicará a proxección da Cidade da Cultura como patrimonio dos galegos", xa que o viario "supón que A Coruña quede ao redor dos 35 minutos" do Monte Gaiás, Ourense "ao redor dos 50 ou 60 minutos" e Pontevedra "ao redor dos 20", de acordo cos seus números.
"MELLORAR" O TRÁFICO DE FONTIÑAS E SAR
Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, agradeceu ao Goberno central por "dar resposta á reclamación" dos veciños "non só para mellorar a conectividade" da cidade coa AP-9, senón tamén para darlle "unha saída a maiores" e "mellorar" o tráfico nos barrios de Fontiñas e Sar. Así, o delegado do Goberno en Galicia resaltou o "labor" dos anteriores ministros de Fomento, que permite que agora sexa Ábalos "quen remata a obra". "Un Goberno dunha cor política comeza esta actuación polo interese xeral e outro Goberno doutra cor política continúaa, acábaa e pona en marcha tamén polo interese xeral", resumiu Javier losada, non sen antes declarar: "Isto ten un nome, e ese nome é democracia".
Ademais, subliñou o traballo do Executivo de España, que "tamén é o das galegas e galegos", para pór en marcha unha vía "que permite mellorar o acceso cara a Fontiñas e Sar e que aliviará o tráfico no nó de Santiago norte". Todo iso, subliñou, grazas a un Goberno "de diálogos e acordos" que facilitou "" o debate da transferencia da AP-9 no Congreso --a Administración de Mariano Rajoy mantiña un veto sobre a lei de traspaso que emanaba do Parlamento galego--, polo que apelou a continuar "alcanzando acordos". Tamén interveu o director da obra, Eduardo Otero, quen subliñou que os traballos se realizaron "nun tempo marca", xa que concluíu "antes do prazo" previsto.
ORBITAL AP-9 E A-54
Por outra banda, o alcalde de Santiago, en declaracións aos medios, lamentou que "non se chegase" a tramitar a emenda presentada ao proxecto de Orzamentos Xerais (PGE) --tombado este mércores no Congreso-- que prevía o orbital que conectaba a AP-9, a A-54 do polígono A Sionlla e a N-550. "Eu laméntoo, lamenteino onte --este xoves-- publicamente, falando en clave local, porque parecía que había receptividade para incluíla. A día de hoxe non se debateu a emenda, non temos orbital consignado, orzamentos prorrogados e eleccións en abril. Por tanto, premio para os que nos levaron a esta situación", ironizou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.