Benzodiacepina, o ansiolítico do que abusan os maiores galegos

Un estudo nunha poboación rural galega mostra que un terzo dos maiores de 70 anos consome estes psicofármacos hipnótico-sedantes, que poden causar dependencia e, a longo prazo, aumentar o risco de demencia e mortalidade. A maior parte dos que toman estes medicamentos non presentan síntomas de ansiedade. Son máis mulleres ca homes.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/02/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A benzodiacepina é un psicofármaco inhibidor da ansiedade que se emprega no tratamento de diferentes problemas de saúde, principalmente as síndromes de ansiedade e depresión, o alcoholismo, o insomnio, a epilepsia ou en certas neuroses obsesivas. É unha das drogas farmacéuticas máis receitadas e populares e, desde a década de 1960, foi progresivamente substituíndo os barbitúricos nos tratamentos de cadros de ansiedade, por ter maiores beneficios e menores riscos. 

Benzodiacepinas.
Benzodiacepinas.

Talvez moitos non recoñezan este medicamento polo seu nome científico, pero si moitos o poden visualizar polos seus nomes comerciais: Orfidal, Tranxilium, Lorazepam, Lexatin, Valium, Trankimazin... Clásicos das drogas socializadas, moi recorridas polos médicos de Atención Primaria que atenden a maiores de 60 anos.

Pero o uso prolongado das benzodiacepinas produce dependencia e a longo prazo podería aumentar o risco de demencia e mortalidade polo incremento do risco de accidentes. A Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios establece que o seu uso non debe superar as 8-12 semanas, incluíndo o período de retirada gradual.

No rural, onde se concentra a poboación máis envellecida de Galicia, o seu uso é maior do que sería desexable entre a poboación adulta, en xeral, e entre os máis maiores, en particular. Así o constataron médicos e investigadores galegos nun estudo realizado con 1.516 pacientes maiores de idade no concello da Estrada (Pontevedra).

Os científicos atoparon que un 15,6% das persoas enquisadas consome benzodiacepinas, sendo a porcentaxe maior entre as mulleres: case dúas de cada dez (19,8%) consomen estes psicofármacos, fronte ao 10,4% de homes, a metade.

Os datos tamén mostran que o consumo de benzodiacepinas aumenta coa idade, ata case tres de cada dez maiores de 70 anos (28,4%). En maiores de 60 anos observouse un 14,4% de consumo de benzodiacepinas de vida media longa (aumentando os riscos).

A prevalencia de consumo doutros tipos de hipnóticos-sedantes e depresores do sistema nervioso central diferentes da benzodiacepina foi do 10% (13,6% mulleres, 5.5% homes), aumentando ao 15,1% en maiores de 70 anos.

Constatouse, ademais, que o 22,7% dos pacientes toman cinco ou máis fármacos, o 40% asociado a benzodiacepinas e o 28% a outros hipnótico-sedantes e depresores. 

Dos usuarios das benzodiacepinas, o 63,6% non tiña síntomas de ansiedade, nin os síntomas de depresión o 53%, nin os diagnósticos de depresión o 10,3%. "Aínda que é posible que algúns pacientes non teñan síntomas polo efecto beneficioso dos fármacos, isto indúcenos a pensar que existe unha utilización prolongada non xustificada do tratamento", afirman os autores do estudo.

E un 7,6% dos consumidores de risco alto de alcoholismo toman benzodiacepinas e o 3,9%, outros hipnótico-sedantes e  depresores. 

"ELEVADO CONSUMO"

Os datos permiten concluír aos expertos que existe un "elevado consumo de  benzodiacepinas na poboación", sendo "maior en mulleres". Tamén destacan o feito de que "un terzo de maiores de 70 anos toma benzodiacepinas".

Para os investigadores hai unha "elevada polifarmacia" na poboación, isto é, o uso simultáneo de distintos medicamentos para tratar unha doenza.

Por todo isto, consideran "importante fomentar o uso racional de benzodiacepinas e fármacos  hipnótico-sedantes, así como outros depresores do sistema nervioso central", e aconsellan "non prescribir benzodiacepinas se non teñen indicación" e, "no caso de prescribilas, facelo con data de finalización".

O estudo está asinado por Natalia Lueiro González e Ana Pichel Rodríguez, residentes de medicina de familia e comunitaria no Centro de Saúde da Estrada; Carmen Fernández Merino, médico de familia do mesmo centro, e Francisco Gude Sampedro, da Unidade de Epidemioloxía Clínica do Hospital Clínico Universitario de Santiago. Os resultados foron publicados nun traballo titulado 'Prevalencia y características del consumo de benzodiacepinas en una comunidad rural', na revista Cadernos de Atención Primaria, editada pola Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 biodramina contra mareante

No país do prozac o vello debe estar a porse ... como se esta a por... o vello... pero il xa necesita algo mais forte un tranxilium...