A Xunta ultima coa Federación Galega de Pesca un novo convenio "para dinamizar o sector"

Os representantes da asociación falaron da necesidade de fomentar a pesca sen morte, ademais de facer fronte a certas ameazas para especies como as carpas ou os corvos mariños

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2019 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, recibiu este sábado a representantes da Federación Galega de Pesca e Cásting (FGPC), e confirmou ao presidente da asociación, Manuel Mouzo, a intención da Consellería de Medio Ambiente de seguir colaborando co sector a través dos convenios que manteñen desde o ano 2016 "para contribuír a dinamizar o sector".

Medio Ambiente ultima coa Federación Galega de Pesca un novo convenio.. XUNTA
Medio Ambiente ultima coa Federación Galega de Pesca un novo convenio.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Belén do Campo e o presidente da entidade tiveron ocasión de analizar tamén os retos e obxectivos da futura Lei de Pesca Fluvial de Galicia. A directora xeral lembrou que hai dúas semanas se abriu o proceso de consulta pública previa sobre a lei, o primeiro paso na tramitación dunha normativa coa que a Xunta pretende "actualizar e mellorar a actual", que está en vigor desde o 1992.

Os representantes da asociación trasladaron á Xunta a necesidade de fomentar a pesca sen morte, así como o reto de afrontar certas ameazas para as poboacións piscícolas dos ríos galegos, como a carpa ou o corvo mariño.

LIÑAS DE TRABALLO

En canto aos convenios que xa están en vigor, a Xunta destacou nun comunicado os 30.000 euros mobilizados para acondicionar tramos de ríos para a celebración dos campionatos de España e o Mundial Xuvenil de pesca con mosca en 2016. Tamén fixo mención aos 15.000 euros do convenio que está en execución na actualidade "para contribuír á realización de actividades de divulgación e fomento da pesca".

Segundo o Goberno autonómico, tanto a directora como o presidente da FGPC coincidiron en subliñar a necesidade de garantir unha substitución xeracional para o sector da pesca fluvial en Galicia. Así, Mouzo incidiu en que a "gran aposta" da nova xunta directiva da asociación será "fomentar a incorporación de mozas a esta práctica deportiva".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta