Poderanse seguir solicitando axudas do Galicia Rural Emprende ata o 4 de marzo

Os beneficiarios poderán obter axudas de entre 20.000 e 70.000 euros. A Xunta asegura que este programa impulsará a "creación duns 200 empregos"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2019 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

A convocatoria do programa Galicia Rural Emprende, co que a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsará 70 proxectos de autónomos e emprendedores, permanecerá aberta ata o próximo 4 de marzo, segundo lembrou a Xunta nun comunicado.

Tal como explicou o Goberno autonómico, este programa, que conta con axudas de catro millóns de euros, "mobilizará investimentos que alcanzarán os oito millóns de euros" e posibilitará "a creación duns 200 empregos".

"Entre as actividades industriais prioritarias que o Galicia Rural Emprende pretende impulsar figuran as de sectores como automoción, téxtil, aeronáutico, químico, ambiental, TIC, audiovisual, pedra natural e industrias creativas", destacou a Xunta.

Así, o importe das axudas por cada beneficiario situarase entre os 20.000 euros e os 70.000 euros. Os investidores recibirán un primeiro pago do 60% da axuda concedida tras a notificación da resolución e acreditación do inicio dun plan empresarial ou plan de negocio que terá unha duración de 18 meses.

O Executivo autonómico sinalou que os proxectos poderán estar promovidos por agricultores ou membros dunha unidade familiar dunha explotación que diversifiquen as súas actividades ou por microempresas e pequenas empresas de nova creación ou que inicien unha nova actividade.

Segundo datos da Xunta, nas dúas primeiras convocatorias de Galicia Rural Emprende, aprobáronse 118 proxectos empresariais, coa concesión de axudas por un importe de sete millóns de euros vinculadas ao compromiso de creación e mantemento de 285 postos de traballo.

Paisaxe do rural galego
Paisaxe do rural galego

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta