Piden 20 anos de cárcere para un home acusado de matar á súa sogra na Coruña

O presunto autor dos feitos, con problemas de drogadicción, culpábaa da ruptura coa súa parella

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2019 | Actualizada ás 10:18

Comparte esta noticia

A Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña celebrará os días 21 e 22 o xuízo, con xurado, contra un home acusado de matar á súa sogra, de 73 anos. Os feitos cos que se relaciona ocorreron en agosto de 2017 na cidade herculina, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Por un delito de asasinato, o Ministerio Público solicita para o procesado unha pena de 20 anos de prisión. No seu escrito de cualificación, sostén que o home golpeou muller "de maneira brutal" e que, despois, ocasionoulle a morte por asfixia.

A Fiscalía recolle, no seu informe, que o acusado está diagnosticado de toxicomanía, síndrome ansiosa depresivo e trastorno mixto da personalidade, aínda que subliña que "esa patoloxía non afectou en absoluto á súa vontade nin á súa capacidade de comprensión dos feitos e das consecuencias destes".

FEITOS

No seu escrito, o Ministerio Público explica que o acusado, maior de idade e con numerosos antecedentes penais, mantivo unha relación sentimental coa filla da falecida, que se interrompeu en 2016 cando el foi condenado por un delito de malos tratos cara á súa parella.

Cando el cumpriu as penas que se lle impuxeron, volveron retomar a relación e, xunto co fillo menor da muller, froito doutra parella, fixaron o seu domicilio na Coruña, onde naceu a filla de ambos.

"A situación entre eles, no entanto, foi deteriorándose progresivamente, debido ao carácter violento do acusado, o que motivou que a muller, en reiteradas ocasións, buscase refuxio no domicilio da súa nai, no que se instalou de maneira definitiva cos nenos, entre os meses de xuño e xullo de 2017".

Aínda que a filla da falecida e o acusado se vían ocasionalmente, Fiscalía sostén que "o trato entre ambos foise enturbando e as visitas á nena fixéronse máis conflitivas". O  home culpaba desta situación á súa sogra, á que, presuntamente, agrediu e matou, segundo o Ministerio Público, nunha visita á vivenda desta, onde tamén se atopaba a súa filla. Despois abandonou o domicilio e levou á menor, aínda que, finalmente, foron localizados.

Xuízo.
Xuízo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta