A Xunta substituirá o correo postal polos SMS nos chamamentos para as contratacións temporais

As notificacións de carácter urxente seguiranse facendo a través dunha chamada, segundo aseguran. Estes cambios implántanse para facer o proceso máis "áxil" e reducir custos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2019 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia eliminará o correo postal con acuse de recibo nos chamamentos para a cobertura de substitucións no ámbito de Función Pública. Ese método será substituído polas mensaxes directas ao teléfono móbil (SMS), tal como se establece na modificación que está a tramitar a Consellería de Facenda do Decreto 37/2006, que regula as listas de contratación temporal na Administración autonómica.

Segundo explicou a Xunta nun comunicado, o cambio do correo postal polo SMS "é unha aposta pola introdución de novos medios electrónicos no sistema de xestión de listas". Ao seu xuízo, a mensaxe telefónica ofrece as mesmas garantías que o correo postal, "xa que a Administración seguirá recibindo a confirmación de que o destinatario recibe o chamamento".

Asegura que "ofrece importantes vantaxes respecto ao correo, xa que é un sistema máis áxil, que permitirá simplificar trámites e reducir os tempos de cobertura e, en definitiva, suporá un aforro de custos para a cidadanía e para a Xunta", destacou o Goberno autonómico.

Con este cambio, Facenda deixará de enviar cada ano máis de 12.000 citacións postais. Para levalo a cabo, a Xunta outorgará un prazo de tres meses desde a entrada en vigor da modificación para que aquelas persoas inscritas nas listas que non facilitasen un número de teléfono móbil para a súa localización completen este trámite.

Así mesmo, o decreto establece que, adicionalmente, a Administración galega tamén empregará outros medios electrónicos para realizar os chamamentos, como o correo electrónico e a notificación electrónica a través da plataforma Notifica. "En todo caso, a Xunta seguirá realizando os chamamentos de carácter urxente a través de chamada telefónica", sentenciou o Executivo autonómico.

Outra novidade do decreto é a ampliación do ámbito de aplicación das listas ás entidades instrumentais do sector público autonómico. "Este cambio beneficiará as persoas xa inscritas nas listas e tamén as que decidan inscribirse, porque terán máis opcións de ser chamadas, ao ampliarse o número de postos susceptibles de ser cubertos", subliñou a Xunta.

Imaxe de arquivo dun teléfono móbil
Imaxe de arquivo dun teléfono móbil

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta