Pero o PP é de centro, de centro dereita, de dereitas ou de ultradereita?

Distintos líderes populares van por libre. Feijóo subliña que ao PP foille ben cando se presentou "como partido de centro".

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 18/02/2019 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

No PP non se aclaran sobre os seus vértices políticos. Mentres que para uns están no centro, para outros circulan xa na ultradereita. Con todo, o presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que o PP logrou "sempre" un "excelente resultado" cando se presentou ás eleccións como "partido de centro dereita" e que é como se define esta formación nos seus estatutos. "Iso témolo claro", afirmou.

Alberto Núñez Feijóo, co presidente do PP, Pablo Casado, e o da Junta de Andalucía, Juanma Morenom, na manifestación en Madrid contra Pedro Sánchez, secundada tamén polo partido ultradereitista Vox, falanxistas e neonazis
Alberto Núñez Feijóo, co presidente do PP, Pablo Casado, e o da Junta de Andalucía, Juanma Morenom, na manifestación en Madrid contra Pedro Sánchez, secundada tamén polo partido ultradereitista Vox, falanxistas e neonazis | Fonte: @JuanMa_Moreno.

Unha afirmación que nada ten que ver co que propugna o seu xefe de filas, Pablo Casado, moi escorado cara a dereita e extremadereita. Feijóo fixo declaracións á súa chegada á Xunta Directiva Nacional do PP que se celebra en Madrid este luns. Preguntado acerca de se o seu partido ten que facer para as xerais de abril unha campaña máis dirixida á dereita ou ao centro, respondeu que o PP é unha formación "de centro e de centro dereita" e que é marcando este perfil cando logrou bos resultados electorais.

Dixo tamén que a súa formación chega unida á contenda electoral despois da marcha de Mariano Rajoy o ano pasado, as primarias e a vitoria de Pablo Casado, actual presidente do PP. "Chega unido porque sabemos da responsabilidade que supón ter un partido unido: a única posibilidade de estabilidade é que un partido que sabe gobernar, goberne", dixo.

E defendeu o voto ao PP como o único útil nas próximas eleccións ante a dispersión que se prevé. "É verdade que se dispersamos o voto podemos non sumar", dixo, e advertiu de que apoiar a un partido formado "por media ducia de persoas" ou a outro "que ten un par de ideas para España" é "improvisar".

O voto ao PP, recalcou o dirixente galego, é a única posibilidade para os cidadáns que non queiran que siga gobernando o PSOE "con Podemos e o apoio dos independentistas", insistiu.

RUEDA EVITA FALAR DE PACTOS

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta e presidente do PP en Pontevedra, Alfonso Rueda, asegurou este luns que "non ten lóxica gastar 200 millóns de euros para facer unhas eleccións" a "menos de catro semanas" dos comicios locais, á vez que descartou falar de posibles pactos ata que "falen os cidadáns nas urnas".

En declaracións aos medios en Santiago, Rueda confiou en que nestas eleccións "o PP volva ser o partido maioritario en Galicia e na provincia de Pontevedra". No entanto, recoñeceu as dificultades de levar adiante "dúas campañas en menos de tres meses" e a posibilidade de ter que lidar con que a xente estea farta de eleccións. "É un reto difícil, pero quen decidiu ter dúas eleccións e unha campaña en plena Semana Santa foi o presidente Sánchez, non fomos nós", sentenciou.

Sobre a posibilidade de pactos, Rueda descartou entrar nesta materia aínda. "O que imos facer é tentar solicitar os máximos apoios, xa veremos despois se hai que falar de pactos ou non", explicou, á vez que lembrou que "os que teñen que falar primeiro son os cidadáns chamados ás urnas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta