O CES pide para o Corredor Atlántico "a mesma importancia estratéxica" que para o Mediterráneo

Aposta por "garantir" a incorporación de "todo o noroeste peninsular" e da liña Vigo-O Porto como rede básica.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/02/2019 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

O Consello Económico e Social de Galicia (CES) presentou este luns o seu informe 'Galicia na rede básica transeuropea de transporte de mercadorías', no que aposta por "garantir a inclusión de Galicia e de todo o noroeste peninsular na rede básica" do Corredor Atlántico ferroviario, así como incorporar como parte da rede básica a liña transnacional Vigo-O Porto, á vez que esixe para este corredor "a mesma importancia estratéxica e respaldo institucional" que para o Mediterráneo.

A ‘T deitada’ que propón o Eixo integraría a Lugo no Corredor Atlántico de mercadorías para mellorar as conexións por tren coa meseta
A ‘T deitada’ que propón o Eixo integraría a Lugo no Corredor Atlántico de mercadorías para mellorar as conexións por tren coa meseta

A presidenta do CES, Corina Porro, foi a encargada de presentar en Santiago, en presenza de distintos axentes económicos e sociais, este documento, nun acto que contou tamén coa asistencia do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Entre as propostas e conclusións deste documento, o CES insta a "garantir a inserción de Galicia e de todo o noroeste peninsular na rede básica do Corredor Atlántico Ferroviario, unha cuestión xa contemplada pero pendente aínda de aprobación definitiva, que favorecería cuestións como a "competitividade" ou a "atracción de empresas e talento" a Galicia.

Do mesmo xeito, dixo Porro, reclámase a incorporación da liña ferroviaria Vigo-O Porto dentro do corredor da rede básica, como nexo transfronteirizo, do mesmo xeito que Évora-Mérida ou Aveiro-Salamanca

Esta decisión, dixo a presidenta, "consolidaría" unha "densa macrorrexión urbana" para facela "conectada" e "accesible" e replicaría o eixo "non radial" simétrico ao mediterráneo (Barcelona-Cartaxena) no atlántico (A Coruña-Lisboa).

Así mesmo, o CES considera que esta liña Vigo-O Porto debería "complementarse pola liña ferroviaria de costa entre A Coruña, Xixón e Bilbao", creando un "bucle de conexión cos portos da cornixa atlántica, similar ao existente no corredor Mediterráneo".

VIGO, PORTO NODAL

Por outra banda, para o desenvolvemento dos portos exteriores da Coruña e Ferrol, indica o informe, é necesario "impulsar a súa conexión co corredor atlántico", así como mellorar ou ampliar a rede ferroviaria no interior dos portos galegos de interese xeral, do mesmo xeito que impulsar a conexión ferroviaria coas terminais portuarias e principais plataformas intermodais.

O CES esixe tamén a consideración do porto de Vigo como "porto nodal", do mesmo xeito que o da Coruña, formando parte da rede básica; e aposta pola Plataforma Loxística Intermodal Salvaterra-As Neves como "nodo loxístico ferroviario de concentración de carga da eurorrexión", dada a proximidade con Portugal.

"INEXPLICABLE" A FALTA DE INSERCIÓN

Tras lembrar o tradicional "déficit de infraestruturas" que padece o noroeste peninsular, o CES considera no seu informe "inexplicable" a "falta de inserción de Galicia" e do noroeste peninsular no corredor básico atlántico, o que debe completarse antes de 2030. Fronte a isto, o CES aposta por "esixir o cumprimento dos prazos previstos", por fomentar as conexións transfronteirizas da eurorrexión e por favorecer unha estratexia marítima.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta