Os sindicatos manteñen a folga de ambulancias

Consideran "insuficiente" a proposta de retirar a rebaixa salarial do 10%. A patronal ve "vital" coñecer a contía do novo concurso para "poder negociar o convenio colectivo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2019 | Actualizada ás 16:19

Comparte esta noticia

Os sindicatos CIG, UXT e Comisións Obreiras manteñen a folga dos traballadores do transporte sanitario en Galicia ao considerar "insuficiente" a proposta da patronal de retirar a rebaixa salarial do 10%. Mentres, a patronal reivindica o seu "ánimo conciliador" e ve "vital" coñecer a contía do novo concurso para "poder negociar o convenio colectivo.

Ambulancia en Galicia con pintadas durante a folga no sector.. FEGAM
Ambulancia en Galicia con pintadas durante a folga no sector.. FEGAM | Fonte: Europa Press

Os representantes sindicais ratificaron que a folga segue ao termo da reunión celebrada, durante algo máis de dúas horas, este luns no Consello Galego de Relacións Laborais tras a petición de mediación realizada a semana pasada pola Consellería de Sanidade.

Óscar Vázquez de UXT manifestou que este luns a patronal puxo enriba da mesa a disposición de "retirar" a baixada salarial do 10%, feito que ven "insuficiente" para desconvocar as mobilizacións.

"É un movemento totalmente insuficiente", manifestou o representante de UXT, quen destacou a unidade sindical nesta negociación e criticou a "actitude irresponsable" da Administración sanitaria ao instar á mediación e non tratar coa parte empresarial.

Nesta liña, o responsable de transporte da CIG, Xesús Pastoriza, manifestou que foi "unha mañá perdida" porque, agás a retirada do 10% de rebaixa salarial, a patronal "non entrou a negociar nada".

Mentres, Pedro Beade de CC.OO. insistiu en que "non era de recibo" desconvocar a folga como pedía a patronal co que ofreceron, polo que reclaman unha mesa sectorial "para desbloquear a negociación". "Os empresarios non poden facer nada se non coñecen a contía do novo concurso", reiterou para reclamar que a "Administración tome unha parte máis activa" no conflito.

Con todo, "a folga segue con normalidade". "Non podemos desconvocar por isto", concluíron sobre o calendario de mobilizacións que prosegue esta semana co segundo tramo de paro intermitente do 18 ao 24 e cunha manifestación sinalada para este mércores 20 en Santiago.

As centrais sindicais sitúan nun 100% o seguimento da folga este luns. Despois do segundo tramo de folga convocado esta semana, o terceiro está fixado do 4 ao 10 de marzo, tras o que pasaría a indefinida desde o 20 do próximo mes.

SITUACIÓN ECONÓMICA

Pola súa banda, a Federación Galega de Empresarios de Ambulancias (Fegam) resaltou o seu "ánimo conciliador" ao asistir á reunión convocada por Relacións Laborais, "a pesar de non dispor aínda de información sobre a contía do novo concurso do transporte sanitario urxente anunciado pola Fundación 061", sinalou nun comunicado de prensa.

Deste xeito, os empresarios de ambulancias en Galicia insisten en que a contía do novo concurso representa "un dato vital" para poder negociar o convenio colectivo.

"No encontro cos representantes sindicais, que veu precedido dunha madrugada de sabotaxes a 19 vehículos do 061 en Vigo, Ponteareas, O Porriño, Redondela, Silleda, Boiro, Santiago de Compostela, Melide, Lalín e Ribeira, a patronal do sector de ambulancias solicitou a suspensión do conflito para que a Mesa Negociadora puidese abordar a negociación do convenio en condicións óptimas", explicou, petición que foi rexeitada polos sindicatos.

A Fegam reitera que o seu "problema" para afrontar a negociación "é a situación económica que atravesan as empresas por culpa dun concurso deficitario, feito que as levou a renunciar o pasado mes de decembro, por perdas millonarias".

Así mesmo, a Fegam insiste na "necesidade de coñecer a dotación do novo concurso" co obxectivo de "afrontar a negociación dun acordo que poida ser cumprido posteriormente polos empresarios".

Neste termo mostráronse de acordo todas as partes, que volverán reunirse o xoves 28 de febreiro pola tarde na sede do Consello Galego de Relacións Laborais en Santiago, "á espera de contar con máis información sobre o concurso, que lles permita negociar cunha base sólida", sentenciou a Fegam.

Segundo os datos da patronal, Galicia conta na actualidade con 119 ambulancias do 061 repartidas por toda a comunidade, cuns 872 traballadores que prestan servizo nas mesmas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta