A primeira réplica galega do prelo de Gutenberg xa pode visitarse en Lugo

A Deputación provincial pon en marcha unha campaña informativa para que os estudantes poidan coñecer a "peza excepcional", elaborada por artesáns durante seis anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2019 | Actualizada ás 12:58

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, presumiu este martes de contar coa primeira réplica do prelo de Gutenberg en Galicia, elaborada nos talleres provinciais de artesanía. A peza, "cen por cen galega", xa pode ser visitada.

Nun acto con escolares do centro Menéndez Pelayo da cidade, Campos tamén destacou que "é das poucas de España". Resaltou que foi construída nos talleres da Deputación e que poderá verse no Centro de Artesanía e Deseño dependente do goberno provincial.

Tras louvar os artesáns que puxeron en marcha a rotativa, subliñou que  estes non contaban con base "material para traballar", ademais de que "os planos que utilizaron foron os que se publicaron na Enciclopedia de Diderot de Juan de la Cuesta".

"É unha máquina cen por cen galega, que foi realizada con madeira de castiñeiro procedente de Sarria. Por iso quero agradecer aos responsables do proxecto a súa dedicación e o enorme traballo que dedicaron" durante este tempo, dixo. E é que foron seis anos os que fixeron falta para materializar este proxecto, abandeirado no seu día pola deputada de cultura e actual alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín.

A Deputación de Lugo porá en marcha a partir de agora unha campaña informativa para que os centros escolares da provincia poidan coñecer esta peza "excepcional" e que sexan eles mesmos os que a poñan a funcionar.

Así mesmo, Darío Campos avanzou que a "máquina" se situará na propia sala Gutenberg coa que contará o Centrad. Aproveitou para adiantar que os artesáns da Deputación "traballan nun novo proxecto", o Tórculo,  "unha peza de prensa que se usaba para gravados en metal e en calcografías".

Campos, presidente da Deputación de Lugo
Campos, presidente da Deputación de Lugo | Fonte: Deputación de Lugo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Abel

En galego a máquina en sí chámase prelo, non imprenta. A imprenta é o oficio de imprimir, ou o lugar onde se instala o prelo.