Noriega cre que a fórmula de Villares para o 28-A "é a que peor encaixe ten" e pide unha coalición

O rexedor, que no seu momento apostou pola configuración de En Marea como partido instrumental, descarta que sexa unha boa idea para as xerais. Súmase a Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, na súa chamada á unidade nun "momento histórico" no que "a extrema dereita pode entrar nas institucións".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2019 | Actualizada ás 13:31

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, sumouse este martes á petición do seu homólogo coruñés, Xulio Ferreiro, para configurar unha coalición electoral entre os diferentes actores de En Marea de cara a evitar que a confluencia galega se divida en dúas candidaturas para as xerais do próximo 28 de abril.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega,e o portavoz de En Marea, Luís Villares. EUROPA PRESS - Arquivo
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega,e o portavoz de En Marea, Luís Villares. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

No verán de 2016, Noriega encabezou, xunto aos 'alcaldes do cambio', os movementos para configurar En Marea como partido instrumetnal de adscrición individual que trasladase ao ámbito autonómico o modelo das mareas municipalistas. Agora, o rexedor compostelán non cre que esa fórmula sexa a axeitada para presentarse ás xerais. Na mañá deste martes, a preguntas dos xornalistas, Noriega apostou por unha coalición electoral.

"Non sei se é pola fórmula do partido instrumental en si mesma ou por determinadas dinámicas que se deron, pero parece que (o modelo de partido instrumental) é o que peor encaixe ten", indicou o alcalde de Santiago e líder de Compostela Aberta, marea que se aliña no sector crítico coa dirección de En Marea que encabeza Luís Villares.

Deste xeito, Noriega súmase á chamada á unidade efectuada polo rexedor herculino, Xulio Ferreiro, quen o pasado luns instou a evitar a división de En Marea en dúas candidaturas. Propoñía unha coalición entre os partidos Anova, EU e Podemos, as mareas municipalistas e a dirección de En Marea.

Con todo, estes últimos descartan o modelo de coalición, pois, segundo sostén Luís Villares, impediría a conformación de grupo parlamentario propio e, ademais, "reduciría" a democracia e participación interna. Pola súa banda, EU e Podemos Galicia xa fixeron pública a súa intención de non concorrer baixo o paraugas de En Marea e, deste xeito, repetir a coalición das últimas xerais.

Pola súa banda, Anova, formación nacionalista da que o propio Noriega é cofundador e unha das súas principais referencias, emprazou ao próximo sábado -día no que se reúne a súa dirección- para decidir a súa postura definitiva sobre a maneira na que concorrer á cita coas urnas do próximo 28 de abril.

CHAMADA Á UNIDADE

"Queremos para o noso país o que temos na nosa cidade", subliñou Noriega, que puxo o acento en que é preciso a "unidade" ante un "momento histórico" no que "a extrema dereita pode entrar nas institucións blanqueada pola dereita".

O líder de Compostela Aberta, marea configurada como unha organización de adscrición individual e non como unha coalición de partidos, considera que "o espazo das mareas municipalistas é diferente" e que o modelo de partido instrumental funciona "no local" pero non no ámbito galego, onde partidos como EU e Podemos rexeitan diluírse en En Marea.

Por iso, cre que esa fórmula é na actualidade "a que peor encaixe ten" para sumar baixo una mesma lista a todos os actores de En Marea. Deste xeito, avoga por volver a unha coalición electoral, aínda que recoñece que "hai xente en determinadas posicións que pensan que iso xa non se pode dar", en referencia velada a Luís Villares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 lóstrego

Por min, como se facedes unha equipa de futbito. Asdo: un enganado escarmentado.