Quen é o empresario galego que podería querer mercar as factorías de Alcoa?

O anuncio feito polo presidente da CEG, Antonio Fontenla, de que hai posibles compradores para as plantas da Coruña e Xixón provocou o desmentido do propio Goberno español. A competencia directa con Alcoa poderia estar detrás de que haxa certo hermetismo por parte dun posible comprador.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 19/02/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

"Eu creo que hai posibilidades, díxeno hai meses e ratificoumo hai pouco nunha reunión en Madrid un empresario galego que ten interese en comprar. O que haberá que ver é se Alcoa ten interese en vender ou non, se lle interesa ter competidor". Estas palabras de Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), activaron nos últimos días un cúmulo de rumores e desmentidos.

O dirixente dos empresarios galegos insistiu nun argumento que xa utilizara a finais do ano pasado; que sabía da existencia de compradores para as plantas de Alcoa. Pero, polo momento, ninguén quere dar nomes. De feito, o anuncio feito por Fontenla foi criticado este mesmo luns polo delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, que lle veu a dicir, sutilmente, ese típico refrán galego de “non poñer o carro diante dos bois”. Así, negou que existan aínda compradores e pediu prudencia.

Actualmente, as dúas grandes metalúrxicas galegas que poderían estar en condicións de mercar as factorías de Alcoa non amosaron ningún interese en público. A primeira, Aluminos Cortizo, asentada na comarca de Padrón, conta con nove centros de produción e dous de fundición en Asturias e Padrón cunha capacidade de 43.000 toneladas e, en principio, non estaría interesada, en facerse con novas plantas onde xa ten actividade.

Tampouco Hierros Añón está, polo momento, interesada en facerse con Alcoa. Esta empresa xa vendeu a súa siderúrxica a Celsa e centrouse no negocio da distribución de aluminio, aceiro e ferro tras adquirir a comezos de 2017 a división española da firma alemá Klockner.  Ademais, os intereses que ten en Brasil na siderúrxica Silat descartarían que se metera en novas operacións.

Fontes consultadas por GC apuntan que a única empresa que podería ter amosado certo interese en Alcoa é o grupo Alibérico, primeiro grupo privado español e primeiro grupo familiar europeo do  sector do aluminio, con 35 empresas e 17 fábricas e centros de distribución en catro continentes. Aínda que o grupo non está radicado en Galicia, si é dun galego, Clemente González Soler que, ademais, ten moita vinculación coa Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid.

Esta empresa ten filiais e empresas en varios países; Australia, Francia, Marrocos, España e Estados Unidos. Precisamente, neste país tamén compite con Alcoa, e aí é onde radican as dificultades de que a multinacional norteamericana poida venderlle as plantas a este grupo. Por iso, en parte, a “prudencia” que reclamaba Losada este mesmo luns e o dito anteriormente por Fontenla de se hai "interese" de Alcoa por vender.

QUEN É CLEMENTE GONZÁLEZ SOLER

González Soler é enxeñeiro aeronáutico e fundador, propietario e presidente executivo deste gran grupo empresarial. Comezou a súa andaina profesional en 1972 como bolseiro en ENDASA, Empresa Nacional do Aluminio, en Alacante. Desde entón, o seu ascenso no mundo empresarial foi meteórico, ata que en 1996 creou as bases do que hoxe é o Grupo Alibérico.

Ademais, Clemente González é presidente e vicepresidente respectivamente das organizacións de aluminio europeas ESTAL (European Association for Aluminium Surface Treatments) e EAFA (European Aluminium Foil Association), e vicepresidente da Federación de Consumidores de Aluminio en Europa (FACE), entre outras responsabilidades.

Planta de Alcoa na Coruña.
Planta de Alcoa na Coruña.

Clemente González Soler, empresario propietario do Grupo Alibérico
Clemente González Soler, empresario propietario do Grupo Alibérico | Fonte: Nueva Economía Forum
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta