Sanidade presenta mañá o borrador do novo modelo de Atención Primaria, que aínda "permite suxestións"

Entre as demandas dos cidadáns enquisados, destaca a necesidade de aumentar a coordinación entre servizos do Sergas.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 19/02/2019 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade ten previsto presentar este mércores o borrador do novo modelo de Atención Primaria que foi elaborado con grupos de traballo nas últimas semanas e que aínda "permite suxestións de todos os implicados".

Así o anunciou este martes o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, ao ser preguntado sobre as reivindicacións no ámbito de Atención Primaria durante unha visita ás obras do centro de saúde da Illa (Pontevedra).

"Aínda que o modelo ata agora é apreciado pola cidadanía, cremos que debe haber algún cambio", asegurou Almuiña, quen concretou que fan propostas "co que din os profesionais e os cidadáns".

O titular de Sanidade explicou que este mércores "se presentará un borrador" e darán "un prazo" para que presenten máis propostas. Almuiña lembrou que se trata de implementar "medidas a curto, medio e longo prazo" co obxectivo de "ir por diante de algo que en España aínda non se está facendo".

Deste xeito, Sanidade pretende que "poida haber cambios que melloren un modelo que está a funcionar moi ben". Así, recalcou que o equipo de Atención Primaria que atende "é cada día máis complexo". "É un colectivo cada día máis amplo que temos que coordinar para que sigan facendo un nivel de atención de calidade como ata este momento", sentenciou.

ENQUISA

Neste sentido, o conselleiro de Sanidade lembrou a enquisa telemática na que participaron "máis de 4.000 galegos" e da que se desprende que "o 99%" dos participantes considera "prioritario mellorar a coordinación entre Atención Primaria e hospitalaria".  Segundo informou Sanidade nunha nota de prensa, 3.801 persoas (o 83,56%) "valoran esta media como totalmente prioritaria e o 15,48% como prioritaria, fronte a un 0,97% que non a considera nada prioritaria".

Os datos da enquisa á poboación que a Administración sanitaria abriu o 19 de xaneiro a través da plataforma e-Saúde para recoller propostas e opinións, reflicten que das 4.549 enquisas, 2.326 (o 51,13%), presentaban "algunha proposta que podería contribuír á mellora da Atención Primaria no novo modelo" no que traballa Sanidade.

A Consellería destacou entre as achegas a solicitude dunha "maior coordinación" entre todos os profesionais de Atención Primaria á hora de prestar servizos"; a potenciación da atención domiciliaria, poder coñecer quen é o interlocutor nos centros de saúde cando xurda algún problema ou que desde o centro de saúde se poida anular unha cita hospitalaria aínda cando non fose tramitada en Atención Primaria.

En base aos datos, Sanidade indica que o 48,19% dos enquisados valora ter acceso a un centro de saúde con maiores prestacións e probas diagnósticas; e a "maioría dos participantes" manifesta que a Enfermaría dos centros de saúde "debe ter un papel máis importante" na atención sanitaria.

Ademais, o 83% avoga por manter o actual modelo de acceso para consultas urxentes no centro de saúde no mesmo día sen cita previa, mentres que o 16,99% se mostra en desacordo. Á súa vez, o 64% dos participantes (2.913 persoas) manifestou estar satisfeito coa atención recibida no seu centro de saúde: un 15,39% di "estar moi satisfeito" e un 20,58%, "totalmente insatisfeitos". A maior parte dos que realizaron a enquisa teñen entre 30 e 49 anos (56,01%) e un 27,04% atópase entre os 50 e 65 anos.

Manifestación en  Vigo pola atención primaria
Manifestación en Vigo pola atención primaria

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta