Adif pide para o maquinista do Alvia accidentado en Angrois catro anos de prisión e máis dun millón de euros

A axencia estatal de infraestruturas ferroviarias considera que cometeu imprudencia grave. Adif sinala que co seu escrito de acusación limítase a "defender os seus intereses e patrimonio".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2019 | Actualizada ás 18:26

Comparte esta noticia

O avogado do Estado, en nome de Adif, pide catro anos de prisión para o maquinista que conducía o tren Alvia sinistrado en xullo de 2013 no barrio compostelán de Angrois, onde morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas. Nun escrito do avogado do Estado, con data do pasado 7 de xaneiro, reclama apertura de xuízo oral e solicita tamén para Francisco Garzón inhabilitación especial para o exercicio da profesión por un período de seis anos.

O maquinista do accidente de Angrois. EUROPA PRESS - Arquivo
O maquinista do accidente de Angrois. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Adif sinala que co seu escrito de acusación contra o maquinista limítase a "defender os seus intereses e patrimonio", ao demandar para el catro anos de cárcere por un delito de danos por imprudencia grave.

Estas demandas responden aos feitos que ve constitutivos dun delito de danos por imprudencia grave. E é que Avogacía do Estado non formula acusación polos posibles delitos de homicidio e lesións, segundo especifica no documento, de sete folios. Non o fai "tendo en conta que Adif carece de lexitimación para a persecución deste tipo de delitos" e xa que o Tribunal Constitucional "nega a posibilidade de que os órganos e organismos públicos exerzan a acusación popular".

No seu escrito de acusación, o avogado do Estado ve "responsable en concepto de autor" a Garzón e entende que "non concorren circunstancias modificativas da responsabilidade criminal". Ademais, pide que o procesado indemnice a Adif en case 1,39 millóns de euros, "a que ascenden os danos que sufriu a infraestrutura ferroviaria".

Do pagamento da devandita cantidade é responsable civil subsidiaria Renfe, segundo sinala. "Está directamente obrigada ao pago da devandita cantidade a compañía aseguradora QBE Insurance (Europa)", apunta. Nos feitos punibles, relata, en concreto, que o maquinista "non iniciou a freada nin reduciu a velocidade" e refire os "100 segundos que durou a conversa telefónica", cando "levaba en cabina a documentación regulamentaria".

Para o acto do xuízo oral, Avogacía do Estado pide interrogar ao condutor do tren e ata 14 testificales, entre elas as do interventor, o maquinista que conduciu ata Ourense e o xerente da área de seguridade na zona noroeste de Adif. Tamén interesa a ratificación das tres peritaxes xudiciais, o da CIAF (comisión de investigación de accidentes ferroviarios), outros tres expertos designados polo administrador e un pola operadora ferroviaria.

O xuíz que instrúe o caso ditou auto en decembro con dous imputados: o maquinista e o ex-xefe de seguridade de Adif Andrés Cortabitarte. A ambos atribúelles 80 supostos delitos de homicidio e 144 de lesións por imprudencia profesional grave, ao primeiro por circular cun exceso de velocidade ao chegar á curva despistado por unha chamada do interventor e ao segundo por unha deficiente análise de riscos na liña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta