Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2019 | Actualizada ás 19:16
O responsable de relacións internacionais, comercio e investimentos do Goberno de Gales, Andrew Gwatkin, participa estes días en Galicia nunha visita encamiñada a estreitar lazos e "profundar" en ámbitos de investimento común como os sectores aeronáutico, agroalimentario, da automoción ou de ciberseguridade, entre outros.
O director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo, acompañou este martes a Gwatkin nunha reunión cos grupos políticos no Parlamento, dentro da visita que estes días realiza a Galicia no marco do convenio de colaboración asinado con Gales o ano pasado.
Gamallo, que eloxiou as "magníficas relacións" entre Galicia e Gales, destacou a colaboración no ámbito agroalimentario ou o aeronáutico, co que Andrew Gwatkin estará este mércores en Rozas (Lugo). Tamén se mantiveron encontros relacionados coa cultura e a lingua.
Así mesmo, Gwatkin mencionou a colaboración noutros ámbitos como a automoción, as ciencias da vida ou a ciberseguridade, na que Gales ten "a posibilidade de colaborar" en Galicia a través das súas empresas.
COA VISTA POSTA NO BREXIT
Entre outras cuestións, Galicia busca tamén coñecer "un pouco a postura do Goberno de Gales" sobre "o estado actual das negociacións" en relación ao Brexit, así como "as consecuencias da saída" británica da UE.
Así, Gamallo lembrou que existe a posibilidade dunha "saída pactada, que terá unhas consencuencias", ou unha saída "non pactada", que "traerá unhas consecuencias moito máis duras tanto para cidadáns como para empresas"
O obxectivo, en calquera caso, é que Reino Unido en xeral e Gales en particular continúen mantendo "relacións amplas" con Galicia tras a saída. Gamallo lembrou que Reino Unido é o cuarto cliente de Galicia e que o pasado ano creceron un 18 por cento as exportacións galegas a este país.
Pola súa banda, Andrew Gwatkin apostou por, tras o Brexit, manter "no posible as ligazóns económicas" que Gales ten con Europa. "En Gales estamos abertos ao mundo, estamos para traballar con todos e queremos seguir con estas relacións importantes como a de Galicia", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.