Esquerda Unida di que En Marea xa non lles vale como "casa común do rupturismo"

Acusan ao líder deste partido de facer del un partido "clásico". Afirma que En Marea funcionou no Congreso como "un grupo propio", a pesar de votar sempre o mesmo que Unidos-Podemos. O alcalde de Santiago asegura que a postura dos alcaldes sobre En Marea é "unha chamada á unidade máis aló da fórmula".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2019 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, afirmou que os deputados de En Marea no Congreso funcionaron como "un grupo propio" que defendeu os intereses de Galicia durante a pasada lexislatura a pesar de estar integrado no Grupo Confederal de Unidos Podemos.

Nunha entrevista na Radio Galega na mañá deste mércores, Solla respondeu desta forma a uns dos principais argumentos sostidos polo portavoz de En Marea, Luís Villares, para rexeitar a reedición dunha coalición electoral: a imposibilidade de articular un grupo propio no Congreso, como sucedeu en 2016.

"Xa tiñamos un grupo no Congreso nestes anos. Seguen, formalmente e a nivel administrativo, traballando dentro do grupo confederal Unidos Podemos pero o funcionamento foi o dun grupo propio de Galicia. Durante estes anos defendéronse cuestións relevantes para o país. Iso é o importante e así vai seguir sendo, esperemos, nesta lexislatura", afirmou.

Así as cousas, a tamén deputada de En Marea insistiu en que a aposta de Esquerda Unida é reeditar a coalición electoral conas forzas " irmás" Podemos e Anova, coas que manteñen "contactos" para repetir o modelo de 2015 e 2016, ao que se sumarían as mareas municipalistas de, polo menos, Santiago e A Coruña.

O enfrontamento de posturas entre a dirección de En Marea, que se presentará en solitario e como partido ao 28 de abril; e os actores do sector crítico que propoñen unha coalición --Anova, EU, Podemos e as mareas municipalistas de Santiago, A Coruña e Ferrol-- abocan á división do proxecto rupturista en dúas candidaturas para a cita do 28 de abril.

Rolda de prensa de Eva Solla e Rubén Pérez. ESQUERDA UNIDA ESQUERDA UNIDA - Arquivo
Rolda de prensa de Eva Solla e Rubén Pérez. ESQUERDA UNIDA ESQUERDA UNIDA - Arquivo | Fonte: Europa Press

DÚAS CANDIDATURAS

Solla recoñece que a existencia dúas candidaturas "non sería positivo para a xente que apoiou as confluencias noutros momentos" porque "pode existir confusión á hora de escoller a papeleta".

Así as cousas, cualifica de positiva a chamada á unidade ao redor dunha coalición entre Anova, EU, Podemos, as mareas municipalistas e En Marea partido efectuada polo alcalde coruñés, Xulio Ferreiro, e apoiada polo seu homólogo compostelán, Martiño Noriega.

Esquerda Unida rexeita así concorrer ás eleccións baixo o paraugas de En Marea, "unha ferramenta" que foi construída "como parido porque era positivo para a participación doutra xente", pero que, segundo Solla, debido ao rumbo tomado por Villares e os seus afíns provocou que En Marea deixase de ser un punto de encontro das forzas rupturistas para converterse nunha organización propia.

"Desgraciadamente outras persoas tiveron unha lectura diferente e tomaron esa ferramenta para usala en aras de convertela nun partido clásico", asegurou Eva Solla en referencia ao sector que controla a dirección de En Marea e que "opera como calquera outro partido" polo que "toman as súas decisións como fan o resto de organizacións políticas".

CRÍTICAS DE EN MAREA

Precisamente, este mesmo mércores a portavoz da coordinadora de En Marea, Ana Seijas, afeou aos 'alcaldes do cambio' --Martiño Noriega (Santiago) e Xulio Ferreiro (A Coruña)-- que chamen a articular unha coalición entre os diferentes actores do 'rupturismo' para as eleccións xerais e non concorrer baixo o paraugas do partido instrumental cando as mareas que eles mesmos lideran están constituídas con esa fórmula.

MARTIÑO NORIEGA

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, asegurou que a postura que mantén xunto co seu homólogo coruñés, Xulio Ferreiro, para evitar a división de En Marea en dúas candidaturas para as xerais é "unha chamada á unidade máis aló da fórmula" para presentarse ás eleccións.

Así respondeu este mércores Noriega ás críticas lanzadas desde a dirección de En Marea que, minutos antes, afeara aos 'alcaldes do cambio' que promovan a creación dunha coalición para o 28 de abril cando eles mesmos lideran mareas configuradas como partidos.

"O que é bo para o local é bo para o estatal", aseguraba a portavoz da coordinadora de En Marea, Ana Seijas, durante a presentación das primarias do partido instrumental, que descarta reeditar o modelo de coalición de 2015 e 2016 --postura que defenden Anova, EU e Podemos-- e presentarase en solitario ás eleccións.

"Non teño nada que engadir nin vou entrar en diálogos. (Os alcaldes) Estamos a facer unha chamada á unidade máis aló da fórmula e adaptarnos ás circunstancias neste momento histórico", indicou Martiño Noriega, que afirma que a postura dos rexedores "é construtiva" porque "busca a unidade".

"A posición construtiva é aquela que busca a unidade. Necesítase xente que tenda pontes. A posicion de Xulio (Ferreiro) e a miña é ser responsbales e evitar o diálogo dentro do espazo político porque só é ruído", resolveu o alcalde santiagués e líder de Compostela Aberta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Un galego

Eu penso que debíades presentarvos sós e sen nengún antifaz... Colledes os 20.000 votos que tedes nos bons momentos, marchades para a casa e vades traballar como todos os demais facemos. Iso é o honesto e o que vos corresponde.

1 Beiras torrado

Alcaldiños xa fixestes ruido dabondo, agora coaligádevos con Podemos e EU que así vos vai a ir, ademáis tras as elecciones xa tiñades todo preparado para empezar co circo mediático para queimar a En marea e Villares