O SERGAS resta importancia aos problemas na sanidade e lembra que co bipartito había 8.842 urxencias máis

O Servizo Galego de Saúde márcase como obxectivos o control e mellora dos pacientes na área de atención primaria.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2019 | Actualizada ás 08:30

Comparte esta noticia

A actual situación dentro da sanidade galega foi analizada desde o SERGAS, que respostou a unha serie de preguntas realizadas por Galicia Confidencial. A primeira cuestión pregunta sobre o aumento de pacientes en Urxencias. A resposta é que os últimos datos de actividade non reflicten ese aumento. “Ao contrario, segundo os últimos datos presentados, no ano 2018 rexistráronse 8.842 urxencias menos que durante o ano 2008. E se comparamos 2018 co ano anterior, rexistráronse 22 urxencias máis ao día en toda Galicia”.

Manifestación en Vigo pola sanidade pública
Manifestación en Vigo pola sanidade pública

Unha das demandas de varios colectivos da sanidade é que aumente o persoal para dar atendidas as necesidades dos pacientes que acoden  aos servizos sanitarios durante os picos de gripe. O Servizo Galego de Saúde responde que “activa cada ano os plans de continxencia para atender o incremento da demanda asistencial ou aumento da necesidade de ingreso hospitalario con motivo da actividade gripal”. O obxectivo que buscan desde o SERGAS é establecer a coordinación entre servizos e recursos de atención primaria e hospitalaria “así como con Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para optimizar a atención á gripe e ás súas posibles complicacións”. 

Os Plans que articulan na época de gripe oriéntanse segundo o SERGAS “ao fortalecemento de actuacións de valoración preventiva desde Atención Primaria dos pacientes de maior complexidade e maior risco (como os pluripatolóxicos ou pacientes fráxiles)”. Isto implica a habilitación de dispositivos para o seu manexo e control. Xunto a isto, “establécense varios niveis de actuación como medidas preventivas e medidas de actuación ante o incremento da demanda de hospitalización”.

Apúntase tamén melloras para o control e seguimento dos “pacientes diana en atención primaria, e nos servizos de pneumoloxía e medicina interna” ademais de “ofrecer información aos profesionais dos Puntos de Atención Continuada e do 061 para mellorar as derivacións a urxencias hospitalarias”.

A implementación dos factores anteriores afectaría á dispoñibilidade de “dispositivos ambulatorios para o tratamento das persoas que así o necesiten a través do hospital de día e con consultas de diagnóstico rápido en medicina interna”. Se ben unha das reividicacións é o aumento de persoal para atender doentes, o departamento de Sanidade  sinala un reforzo para as diferentes “quendas de profesionais nos diferentes servizos segundo a demanda”. Apuntan tamén a instalación de sistemas de monitorización permanente para coñecer os ingresos con diagnóstico gripe e a súa evolución.

“Desde todas as áreas sanitarias trabállase para atender a todos os pacientes correctamente e coa maior axilidade posible”. No caso concreto do Hospital de Santiago, ante a situación “de máis entrada de pacientes en urxencias e ademais cun índice de ingreso desde urxencias elevado, procedeuse por parte da xerencia a habilitar espazos extra e contratar máis recursos humanos para dar resposta a esta situación”.

OFERTAS PÚBLICAS DE EMPREGO

O Consello da Xunta aprobou en novembro de 2018 o Decreto da oferta pública de emprego (OPE) 2018 do Servizo Galego de Saúde. En total 1.400 prazas de persoal estatutario. Un dato que remarcan especialmente nesta oferta pública de emprego é o esgotamento da taxa de reposición do 108%. Debido a que isto podería traer complicacións no momento de cubrir prazas, o conselleiro de Sanidade solicitara á Ministra de Sanidade a eliminación da taxa de reposición para “as especialidades deficitarias, unha medida que permitirá dar máis estabilidade aos profesionais”.

As prazas da OPE de 2018 súmanse ás 1.616 prazas ofertadas na OPE de 2017. Para o departamento que dirixe Vázquez Almuíña “isto permitirá achegarse ao compromiso adquirido cos sindicatos a través do Plan de Estabilidade para ter no ano 2020 un total de 5.000 prazas e situar a taxa de temporalidade na porcentaxe do 5%”. Tres puntos por debaixo do acordado a nivel estatal.

INVESTIMENTOS E PERSOAL

As necesidades de cada área en canto material e fornecemento de elementos para a atención, precisa de investimentos que, segundo fontes sindicais non se están a reflectir a día de hoxe. A resposta do SERGAS é que “o capítulo de investimentos é o que máis crece nos orzamentos deste ano, concretamente 18 millóns, case que un 15% máis que o ano anterior”. En total 44,1 millóns de euros investiranse para a construción de instalacións, ademais “para atención primaria está prevista unha partida de 18,7 millóns de euros destinados á construción e equipamento de centros de saúde”.  En 2019 a Xunta de Galicia ten previsto para sanidade “3.984 millóns cun incremento de 127 millóns respecto do ano pasado” din desde o SERGAS.

Segundo as cifras que ofrece a Consellería de Sanidade hoxe en día hai “máis de 10.500 profesionais de enfermería no seu cadro de persoal, 700 máis dos que había no ano 2008”. Con esas cifras calculan unha “ratio actual en Galicia de 4 enfermeiras por cada 1.000 habitantes”. A esa cifra contrapoñen a media do Sistema Nacional de Saúde “que presenta unha ratio media de 3,6; ou de comunidades autónomas como Andalucía, ratio de 2,77 ou a Comunidade Valenciana, ratio de 3,23”.

Sobre os datos referentes a prazas para enfermería, “830 prazas foron convocadas para a OPE cuxos exames se celebrarán o vindeiro mes de maio de xeito coordinado con outros servizos de saúde”. No seu momento o SERGAS anunciara tamén o pasado ano “unha nova oferta de emprego, cun total de 86 prazas” para diferentes áreas da enfermería.

Na reportaxe de Galicia Confidencial sobre a “burbulla sanitaria”, falábase das dificultades que supoñía a cobertura de determinadas áreas por parte de enfermeiros e enfermeiras sen unha preparación específica nesas áreas. A resposta do Sergas é que “foi un dos primeiros servizos de saúde en incluír as categorías de especialistas polo decreto 81/2016, do 23 de xuño, pola que se crea no ámbito do Sergas a categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista”.

Como exemplo sinalan que “Galicia é unha das poucas Comunidades Autónomas que creou a categoría de enfermeira especialista, na que se inclúe a enfermería pediátrica”. Nas OPEs de  2017 e 2018 “convocáronse prazas para esta especialidade de enfermería. Neste primeiro trimestre 2019 publicaranse as listas de enfermeira especialista en pediatría”. Tamén sinalan que “actualmente xa existen áreas especiais nas que se require ás enfermeiras experiencia ou a especialidade en pediatría como: UCI pediátrica, prematuros-neonatos”.


SANIDADE CONCERTADA

A creación de concertos entre entidades sanitarias privadas e a sanidade pública galega supón un envío de diñeiro público que, segundo os datos facilitados desde Sanidade é un orzamento en concertos que “en 2018 foi de 205,5 millóns de euros, o que supón 11 millóns menos que o orzamento dedicado para concertos polo Goberno do bipartito, que incrementara esta partida nun 44%, 216 millóns en 2008”.

Sobre os motivos que levaron ao goberno galego a adoptar este modelo, a explicación é que “a concertación é unha fórmula común de xestión nos diferentes sistemas sanitarios do noso ámbito, nas distintas comunidades autónomas e sistemas nacionais de saúde”. Máis concretamente, “o SERGAS utiliza a concertación como ferramenta para a derivación de pacientes, polo tanto non deriva pacientes a centros privados senón unicamente a centros concertados co SERGAS”.

Os centros concertados están autorizados por Sanidade e están “acreditado pola Subdirección Xeral de Inspección. Ademais ao paciente explícaselle que todo está financiado polo Sergas e que non terá que pagar nada”. Sobre a cantidade de intervencións e probas dentro do sistema concertado varía “en función das xerencias e das especialidades pero supoñen unha mínima porcentaxe respecto á actividade realizada nos centros propios do SERGAS, 2,2% nos últimos cinco anos”. As operacións e as patoloxías que abordan os centros concertados “son de baixa complexidade, nunca son ofertadas as patoloxías complexas nin as incluidas no decreto de garantías de tempos máximos”.

Segundo fontes consultadas por Galicia Confidencial, as curas para as operacións feitas en centros concertados, realízanse por persoal do SERGAS. Isto iría dentro do total que cobraría un centro concertado. Preguntado sobre isto, a resposta desde o servizo público foi que “o SERGAS promove a continuidade de coidados dende o ámbito hospitalario a atención primaria, atendendo á maior accesibilidade para o paciente”.

AMBULANCIAS

A folga das ambulancias era a nova fronte aberta dentro das que xa estaban abertas. A ruptura das negociacións por parte da patronal, que pedía unha rebaixa do 10% en salarios e complementos, foi o detonante da actual situación. “O Servizo Galego de Saúde solicitou ao Consello Galego de Relacións Laborais unha mediación na negociación do convenio colectivo de transporte de doentes e accidentados en ambulancia”. Con todo, sinálase que “o SERGAS lembra que estas negociacións constitúen un asunto privado das empresas do sector e das organizacións sindicais con representación nas mesmas”.

Para o SERGAS os servizos prestados por estas empresas “son dunha importancia significativa, e solicita esta mediación ante o anuncio da convocatoria de folga indefinida a partir do 20 de marzo”. Con todo tamén apuntan que o “061 continúa a traballar de xeito responsable e comprometido coa poboación e garante a asistencia sanitaria urxente”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta