Preparados para a chegada ao Miño do cangrexo chinés, unha das especies invasoras máis daniñas do mundo

Biólogos portugueses consideran "inevitable" a invasión desta especie se non se aplican as medidas preventivas axeitadas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/02/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

O cangrexo chinés (Eriocheir sinensis), tamén coñecido como cangrexo peludo de Shanghai, é unha das cen especies exóticas invasoras máis daniñas do mundo, segundo a listaxe da Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Esta especie asiática xa se instalou en varios puntos da Europa e Estados Unidos e os científicos prevén que "continuará a migrar e invadir toda a Península Ibérica, inevitablemente chegando ao río Miño, no caso de que non sexan aplicadas medidas preventivas", advirte un recente estudo realizado por biólogos portugueses. 

Cangrexo chinés (Eriocheir sinensis)
Cangrexo chinés (Eriocheir sinensis) | Fonte: Vassil en Wikipedia.

Eriocheir sinensis é un cangrexo asiático endémico da rexión do Mar Amarelo, entre a China continental e a península de Corea. Habita ríos, esteiros e outros hábitats costeiros nas rexións tépedas ou tropicais entre Rusia e o sur da China, a península da Corea, Xapón e Tailandia.

En Europa detectouse por primeira vez en Alemaña en 1912 e foi expandíndose por Países Baixos, Bélxica e Francia, grazas á extensa rede de canles que liga os principais ríos do Mar do Norte, Canle Inglesa e costa atlántica da Francia. A mediados do século XX xa se atoparon no mar Báltico e foron detectados exemplares en Finlandia e na Rusia occidental. Tamén se detectou en Reino Unido, cunha progresión lenta despois do primeiro relato no río Támese na década de 1930, aínda que non foi até os anos noventa que se empezou a observar un número considerable de exemplares, espallándose rapidamente por toda a conca hidrográfica do Támese, ncluíndo o río Essex.

As primeiras referencias en América datan do ano 1965, cando se encontrou un espécime nos Grandes Lagos. Até á data a única poboación  comprobadamente estabelecida en América do norte atópase delimitada á Baía de San Francisco, California. 

Na Península Ibérica foi identificado no esteiro do Guadalquivir e en Zumaia (Guipúscoa). O punto máis próximo a Galicia no que se detectou esta especie exótica invasora é o esteiro do río Texo, onde se confirmou a presenza significativa do cangrexo chinés nas zonas de menor salinidade.

Os científicos din que "non hai dúbidas de que o cangrexo chinés vai continuar a espallarse por Europa e América do norte", chegando tamén a Galicia. 

"Da análise dos modelos de distribución deste crustáceo e dos seus comportamentos de diseminación facilmente se prevé que este continuará a migrar e a invadir o continente europeo mentres existan áreas con esteiros adecuados e temperaturas tolerables, o que inevitabelmente acabará por incluír o río Miño, se non se aplican as medidas preventivas axeitadas", explican os científicos.

PERIGOS

O cangrexo chinés habita zonas de auga doce ou salgada, en función da idade. A reprodución ocorre en augas salgadas, e os exemplares xuvenís migran a zonas de auga doce, onde permanecen entre dous e tres anos, tras os cales volven migrar ao mar para realizar a posta.

Esta especie ten hábitos migratorios moi marcados, polo que se expande con gran rapidez cubrindo grandes distancias. É moi tolerante aos cambios, adaptándose a vivir mesmo en augas contaminadas. 

Trátase dunha especie omnívora e oportunista con gran potencial reprodutor, xa que cada femia pode poñer entre 250.000 e un millón de ovos.

As principais vías de entrada son mediante a Introdución accidental por medio de augas de lastre ou a introdución voluntaria para consumo humano e para acuariofilia. 

O perigo do cangrexo chinés radica principalmente na redución de biomasa e tamén da biodiversidade nativa, xa que se trata dun omnívoro oportunista que consome plantas acuáticas, macroalgas, detritos, ovos e larvas de peixe, e unha considerable variedade de  macroinvertebrados. E como depredador pode contribuír a reducir ou extinguir as poboacións de  invertebrados nativos, introducindo así unha alteración significativa na estrutura das comunidades bentónicas.

Causa ademais erosión das ribeiras debido aos seus hábitos escavadores, chegando a facer que se esborrallen as beiras. 

No económico, causa impactos negativos no sector piscícola e agrícola, xa que o cangrexo chinés se alimenta de exemplares novos de especies acuícolas de interese comercial, rouba os cebos de pesca, provoca danos nas artes de pesca e pode afectar mesmo a infraestruturas (diques, sistemas de abastecemento de augas, etc.); ademais de producir danos nos cultivos de arroz polo consumo dos brotes da planta.

Só en Alemaña, o impacto económico foi estimado en 88 millóns de euros desde a aparición deste cangrexo. Eses custos inclúen instalación e mantemento de aparellos de captura (trampas e redes), impacto na alimentación e na erosión das marxes e perdas na pesca comercial e aquicultura.

No sanitario, esta especie acumula moitos contaminantes que poden pasar á cadea trófica.

Ante esta ameaza para o Miño, os biólogos aconsellan establecer medidas para previr a introdución do crustáceo, como as restricións nas descargas de augas de lastre e tratamento biolóxico das mesmas, a utilización de trampas para capturar xuvenís durante a súa migración ou máis información para xerar conciencia sobre este problema, principalmente entre os pescadores. 

Son as propostas de expertos do Laboratório de Ilustração Científica do Departamento de Bioloxía da Universidade de Aveiro e do Aquamuseu do Rio Minho, Parque de Lazer do Castelinho, en Vila Nova de Cerveira (Portugal), expostas no 'IX Simpósio Ibérico sobre a Bacia Hidrográfica do Rio Minho'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anti invasores

o culpa e das confluencias! non o dubiden...