O PSdeG de Ourense di que Pachi Vázquez está montando "un partido personalista instrumental"

"Mellor non opinar de cousas que non teñen seriedade", di o secretario provincial.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2019 | Actualizada ás 18:26

Comparte esta noticia

O secretario provincial do PSdeG de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, tras ser preguntado sobre a posibilidade de que o exsecretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, cre un partido instrumental para acoller a exsocialistas, asegurou que é "mellor non dar opinión de cousas que non teñen seriedade".

O ex secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez
O ex secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez

Neste sentido, Villarino, que se referiu a tal formación como un "partido personalista instrumental", sinalou que falará do mesmo "cando apareza". "Non vexo moita emoción", apuntou tras presidir a presentación da lista socialista para Maceda (Ourense), que será encabezada polo exalcalde do BNG entre 2007 e 2015 e posteriormente portavoz de Compromiso por Galicia, Xabier Oviedo.

Precisamente, Maceda é un dos municipios nos que se rexistraron baixas na formación tras coñecerse que o candidato podería ser Oviedo e onde se denunciaron "purgas" por parte da dirección provincial, como tamén ocorreu nas localidades ourensás do Carballiño e, recentemente, en Piñor, localidades nas que varios concelleiros socialistas se pasaron ao grupo de non adscritos.

Neste sentido, destacou que Xabier Oviedo é unha persoa "moi valiosa" para o partido e púxoo como exemplo de "coherencia" e "lealdade" por decidir abandonar a súa acta no Concello de Maceda cando deixou Compromiso por Galicia, decisión que non foi tomada polos exconcelleiros socialistas que se deron de baixa na militancia e pasaron ao grupo de non adscritos tanto no Carballiño como en Toén.

En relación a esta situación en Maceda e a posible creación dun partido instrumental formado por exsocialistas, Xabier Oviedo destacou que "non se poden facer candidaturas de encabuxados", xa que, na política, "éntrase con ilusión e para facer cousas en positivo sempre", polo que é un "gran erro" crear unha candidatura "para ir en contra doutro ou para dicir aquí estaba eu".

SITUACIÓN DO PSDEG EN MACEDA

Rodríguez Villarino asegurou que, coa lista presentada na mañá deste xoves, o PSdeG vai poder gobernar por primeira vez na historia en Maceda cunha "conxunción infalible" ante "candidaturas febles e sen proxecto", xa que, "ata agora, estaba a ocorrer algo pouco defendible" coa candidatura do PSdeG.

"Tiñamos menos votos nas eleccións municipais que nas xerais; pasar de 431 a 345 e a 299 votos sucesivamente en tres eleccións era algo insoportable neste partido. Moitos macedanos non sentían representados tanto a nivel de agrupación como a nivel popular; hoxe, están contentos porque teñen esa opción da que careceron durante moito tempo", destacou.

Pola súa banda, Xabier Oviedo asegurou que non cre que el sexa "o culpable do que se montou" en Maceda, onde se puxo a "escusa" aproveitando que el entraba na militancia do PSdeG, posto que había socialistas do municipio que "lle daban as costas ao PSdeG no voto das municipais".

"En Maceda, hai moitísimos socialistas que se están sumando ao noso proxecto; non se foron todos, nin moitísimo menos. Tentamos cambiar con esta nova etapa, crear un partido máis aberto, progresista; non vimos de salvadores nin profetas, pero o PSdeG ten que ter unha representación máis ampla", engadiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

lamentablemente o concepto "instrumental" é iso, un instrumento para sacar tallada "persoal" ! O foi con Villares e agora tamén con Pachi...?