Lumieira: 35 anos de cultura

Ao longo da historia vanse sucedendo de xeito cíclico períodos de maior ou menor esplendor para un país, unha cultura, un movemento político, social… Facermos esa retrospectiva para o caso da nosa lingua implica destacar (non sen caer nunha síntese, como todas, un tanto reducionista) o Rexurdimento, o traballo da Xeración Nós, Galaxia e o agromar dun desexo colectivo de liberdade (individual e colectiva, democracia e autogoberno), que se puxo en marcha pouco a pouco a partir dos anos 60 e 70 do século pasado, e que culminaría co desenvolvemento dunha intensa e diversificada actividade cultural galega, e en galego, como nunca se vira ata entón.

Por Farruco Graña | Tapia de Casariego, Asturias | 12/10/2011

Comparte esta noticia

É ben certo que os aires reaccionarios que percorren a nosa terra (e o resto do mundo) e a profunda crise que padecemos (aproveitada para desmantelar todo aquilo que soe a público, social e cultural) deixan unha amarga sensación de tempos escuros que poderían retrotraernos a épocas pasadas. Como afrontarmos a situación? Como fixeron noutros períodos máis difíciles ca este?

A longa noite de pedra que supuxo a irrupción violenta do fascismo tras a insurrección armada do 36 foi unha laxe xigante que condicionou enormemente o desenvolvemento da nosa cultura, nomeadamente da nosa lingua. Practicamente quedou borrada do mapa (agás no rural e naqueles sectores sociais concienciados que, iso si, non podían empregala libremente). Tan só unha visión hipertipicalista permitía un leve uso da mesma. Porén, acabou aparecendo algún colectivo ou persoeiros que foron quen de recoller o sinal que outras xeracións portaran antes. Iso si: nunca por xeración espontánea, senón con moito sacrificio.

Non nos imos estender no labor desenvolvido por Galaxia. Discrepancias a parte de carácter político, filosófico ou do tipo que for, é de xustiza recoñecer o enorme esforzo feito polas súas xentes para lograr entregar o sinal que eles recolleran do grupo Nós ás novas xeracións que, se mesmo xa non chegaran a vivir a guerra, moito menos tiveran acceso ao noso rico legado cultural e á actividade desenvolvida nos séculos XIX e primeiro terzo do XX. Si: tamén eles tiveron que escoitar auténticas barbaridades acerca do emprego do galego e as consecuencias perniciosas que podía ter o seu uso (mesmo para a beleza e bondade de cada un). Unha cousa si é certa: as persoas que daquela zorregaban contra o galego non presumían de bilingües: abertamente defendían por riba de todo e ante todo a lingua do imperio.

Se nos anos 60 e 70 procedías dun barrio e a túa familia pouco ou nada sabía da actividade política desenvolvida no país, agás a deturpada información oficial da que se podía desconfiar pero nunca se chegaba a contrariar (non fora ser o demo), a actividade cultural realizada polas asociacións culturais que foron xermolando por toda a xeografía galega supoñían o teu punto de encontro con ese tesouro a piques de se perder na noite dos tempos. Superada a visión elitista da actividade cultural, e inmersos nunha intensa labor de divulgación dos nosos sinais de identidade, nomeadamente a lingua, a inmensa maioría da poboación devecía por aprender do noso, do dos seus antepasados (de segunda ou terceira xeración). Tiñan a sensación de que algo se lles escorrera por entre as mans e precisaban recuperalo para se sentir máis seus.

O traballo desenvolvido por agrupacións culturais como Lumieira foi vital en moitas cidades e cabeceiras de comarca para lograr ese volver ser nós mesmos. Souberon adaptarse a toda a xente; non se quedaron no estritamente cultural senón que desenvolveron un traballo ambicioso en distintos ámbitos: cine, teatro, música, deporte (tanto tradicional como alternativas ao todopoderoso fútbol, ánimo á A. D. Xiria para que siga adiante con seu inmenso labor), medio ambiente… e, como non, a defensa da lingua de todos e todas, debuxándolla ás xeracións máis novas cada 17 de maio, homenaxeándoa con cada edición da Regueifa, con cada libro editado. En Lumieira sempre couberon persoas de todas as sensibilidades políticas pero todas elas cun especial sentimento de apego ao noso, á lingua galega, á cultura galega. Tanto para vivila ao abeiro dun pipote acariñado polas faíscas na lareira, como para proxectala cara ao exterior da man dos gravados dun Manuel Facal. Longa vida á A. C.

Lumieira, a todas as lumaradas que inzan o país de actividade cultural. Con elas ha de agromar de novo o orgullo polo propio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Farruco Graña Nacido en 1966, é licenciado en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor de secundaria en Tapia (Asturias) En 2007 publicou a novela "O bosque de Nadgor".