O sisón, unha especie en perigo de extinción abandonada á súa sorte en Galicia

"O futuro do sisón en Galicia pende dun fío e a algúns cargos actuais e pasados na Consellería de Medio Ambiente debería caérselles a cara de vergoña", din desde a Sociedade Galega de Historia Natural.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/02/2019 | Actualizada ás 12:18

Comparte esta noticia

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) lanza unha nova alerta sobre a situación do sisón (Tetrax tetrax) en Galicia: "Nada se fixo en doce anos para protexelo". Os datos son moi preocupantes: segundo o 'II Censo Nacional del Sisón Común en España', quedou confirmada a súa extinción como especie reprodutora en tres das catro provincias galegas, pero aínda máis grave, na ZEPA da Limia, declarada para protexer ao sisón entre outras especies por sentenza do Tribunal de Xustiza da UE.

O sisón (Tetrax tetrax) / SEO/BirdLife
O sisón (Tetrax tetrax) / SEO/BirdLife

A SGHN lembra que hai case 12 anos, o Decreto 88/2007 creou o Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA). O sisón quedou incluido na categoría de máximo risco: “En perigo de extinción”.

Dende entón, a SGHN ven reclamando insistentemente a elaboración de plans de recuperación e conservación. "Pero en doce anos, a Consellería de Medio Ambiente elaborou tan só dous plans de recuperación: sapoconcho común e escribenta das canaveiras. De conservación tan só un, o da píllara das dunas. Nalgún caixón da Consellería durme o 'sono dos xustos' a revisión do plan de recuperación do oso pardo, cun proxecto de Decreto en borrador dende o 14-03-2013; tamén 22 plans de conservación ou recuperación encargados a asistencias técnicas en 2008", detallan.

Por todo isto, láianse de que "unha e outra vez, o Decreto 88/2007 non serve case para nada". Facendo contas, estiman que "ao ritmo actual farían falla 407 años para ter todos os plans de recuperación das especies en perigo de extinción, e nada menos que 1.309 anos para ter redactados os das especies vulnerables".

"O futuro do sisón en Galicia pende dun fío", advirten, e "a algúns cargos actuais e pasados na Consellería de Medio Ambiente debería caérselles a cara de vergoña", critican.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta