Sanidade defende que a reforma da Primaria leva a un modelo "máis efectivo"

O conselleiro mostra a súa "satisfacción" polo traballo realizado e confía en poder sacar adiante as medidas

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2019 | Actualizada ás 15:47

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, respondeu ás críticas que algúns sectores de médicos e enfermeiros verteron contra a proposta de reforma da Atención Primaria por parte da Consellería, e asegurou que leva a un modelo "máis efectivo que o actual". No entanto, o conselleiro recoñeceu que o documento "non está pechado" e que "ata final de mes pódense facer alegacións e recoller máis suxestións".

En declaracións aos medios de comunicación, Almuiña sinalou que a modificación da Atención Primaria é "un problema de toda España" e que en Galicia se está expondo a necesidade de "tomar medidas". "Por iso estamos neste proceso participativo de todos os profesionais, pero tamén aberto á sociedade civil".

Almuiña referiuse así ao procedemento que desembocou nunha proposta, presentada o pasado mércores, "cun total de 175 accións de mellora para deseñar a nova atención primaria". O titular do departamento sanitario mostrouse satisfeito polo traballo realizado e expresou a súa confianza "en poder ir día a día adoptando as medidas que permitan avanzar".

Nesta liña, manifestou que o proceso leva a "un modelo máis efectivo que o actual e que loxicamente trae debate e discusión". Sobre este particular, considerou "positivo para a mellora do sistema que entre os profesionais poida haber este debate".

DOCUMENTO NON PECHADO

Vázquez Almuiña negou que exista "decepción" na Consellería tras as críticas dalgúns colectivos de médicos e enfermeiros. O conselleiro lembrou que as propostas "non son da Administración, senón que saen de grupos de mellora nos que están integrados todos os profesionais, sociedades científicas e asociacións".

A continuación subliñou que "é un documento non pechado pero moi avanzado" e que "ata final de mes pódense facer alegacións e recoller máis suxestións". "Posiblemente haxa xente que non coñece en profundidade o documento e por iso hai que explicalo e dar información".

Almuiña fixo fincapé en que "todo cambio ten un proceso que precisa de adaptación de todos e sobre todo aquí porque se está falando de novos roles". "Creo que o imos a conseguir porque no tronco estamos todos de acordo", engadiu.

É por iso que insistiu en que "a Conselleria está moi contenta porque é un proceso moi participativo e achega ideas, suxestións e accións dos profesionais e da sociedade". "Imos seguir tomando nota de todo o que nos poidan achegar e seguir adiante con este modelo", anunciou.

O conselleiro volveu a lembrar que "este problema está presente en toda España", e desvelou que "hai comunidades que pediron este documento para poder estudalo e exportalo". Por último, preguntado por cando haberá presupostos concretos, respondeu que "o normal é definir o modelo e logo o orzamento", e apuntou a "as próximas semanas" para definir capítulos como o plan de necesidades e para empezar a comprar o equipamento e mobiliario que sexa necesario.

Sanidade asegura que a reforma da Primaria leva a un modelo 'máis efectivo'
Sanidade asegura que a reforma da Primaria leva a un modelo 'máis efectivo' | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta