Anova aposta por outra "Fronte Ampla" sen mencionar a En Marea e Villares lembra que esa era a fórmula de Beiras

Esta formación nova aposta por "fórmulas flexibles" para unha alianza entre forzas rupturistas repetindo o modelo AGE que en 2012 uniu a Esquerda Unida e Anova. O líder de En Marea insiste en que esta marca sigue sendo a "máis integradora".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2019 | Actualizada ás 15:28

Comparte esta noticia

A formación política galega Anova confirmou na celebración da súa Coordinadora Nacional a súa aposta por unha "Fronte Ampla" e a súa defensa das "fórmulas flexibles" que se desenvolveron desde a súa creación en 2012, avogando por dar continuidade ao traballo que se impulsou coa confluencia con Esquerda Unida, Podemos e as grandes mareas municipalistas e sen aclarar explicitamente se pecha a porta de forma definitiva a acudir ás eleccións xerais baixo o paraugas de En Marea.

Así o transmitiu nun comunicado remitido tras a celebración da súa Coordinadora Nacional en Santiago de Compostela, á que asistiron, entre outros, o fundador do partido Xosé Manuel Beiras, o seu actual líder, Antón Sánchez ou o deputado no Congreso Miguel Anxo Fernán-Vello.

Anova non cita explicitamente a Esquerda Unida ou Podemos, pero si alude a que aposta pola Fronte Ampla, dándolle continuidade ao traballo realizado con AGE --Alternativa Galega de Esquerdas que integrou a Anova e a EU--, así como ás mareas municipalistas e ao Acordo de Mazarelos e a Asemblea de Vigo.

No seu comunicado, Anova non se sitúa sobre presentarse como partido, como defende En Marea de Luís Villares, ou como coalición, pola que avogaban EU e Podemos, e lembra que a súa "aposta estratéxica tivo diferentes concrecións tácticas" desde a súa creación, "buscando fórmulas flexibles que en ningún caso supuxeron mudar de rumbo".

Anova si avanza que nos próximos días reunirá ás asembleas territoriais para "socializar este debate" e incide en que segue apostando "pola unidade entre diferentes", sempre que se comparta un "mínimo común denominador" ao redor da aposta pola "ruptura democrática no Estado español, a defensa das clases subalternas, o recoñecemento de Galicia como nación con dereito a decidir".

Ante isto, insta a "sumar sen sectarismos". "Nun contexto político e histórico no que vemos como Atila cabalga de novo debemos sumar, sen sectarismos, con contundencia e sen concesións ao conformismo e á renuncia". Así, Anova márcase como obxectivos "reactivar a potencia social e electoral do espazo político que emanou do campo sementado do 15-M" e que "tivo en Galicia con AGE a súa primeira tradución política".

Antón Sánchez e Xosé Manuel Beiras, de Anova
Antón Sánchez e Xosé Manuel Beiras, de Anova

"FÓRMULA INTEGRADORA"

Pola sua banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, reivindicou este sábado que a "fórmula máis integradora" é a que ofrece esta formación, na que a "cidadanía é a protagonista", fronte á coalición que defenden forzas como Podemos ou EU, integradas no partido instrumental.

Ante a posibilidade de que Anova, Podemos e EU opten por presentar unha candidatura alternativa a En Marea, Luís Villares reivindicou que o "partido instrumental é unha aposta ética, democrática" e o que mellor representaría o espirítu do 15-M, que apostaba por "superar dinámicas de partidos para ir a espazos ciudadanistas, os partidos teñen que contribuír pero os protagonistas son os cidadáns".

Así, incidiu en que "a proposta alternativa á de En Marea non garante nin primarias nin acceso da cidadanía a esas primarias" e defendeu "portas abertas" e "integrar a todo o mundo". A pesar das discrepancias escenificadas nos últimos días, tendeu a man a chegar a acordos, destacando que "a xente que sentiu referenciada no 15M" verá "apoiado o seu proxecto no proxecto político de En Marea, no que colle todo o mundo, no que caben tamén os compañeiros de Podemos".

APOSTA ESTRATÉXICA

Por tanto, decide manter a "aposta estratéxica que defende desde a súa fundación". Lembra o seu nacemento en 2012 como "unha constelación de asembleas territoriais e como un espazo de encontro de culturas políticas diferentes", nun "momento histórico caracterizado pola dureza da crise económica", na que se acordaron "liñas de actuación comúns".

A formación de Antón Sánchez invoca así a creación de Alternativa Galega de Esquerdas nun contexto político no que só ve dúas opcións: o "cambio político rupturista" ou a "deriva reaccionaria".

"Nestes momentos a normalización da crise do Réxime do 78 pasa pola conformación dun bloque reaccionario no que, como xa sucedeu en Andalucía, Partido Popular e Ciudadanos non dubidarán en sumar os seus escanos cos da ultradereita", proclamou Anova no seu comunicado, no que alerta de que se está "ensaiando unha saída autoritaria á crise política do Réxime do 78".

Anova advirte da "ameaza" do recorte de liberdades e dereitos sociais e nacionais "gañados en décadas de loita" e a imposición dun 155 permanente" para un "proceso recentralizador do Estado español que reducirá o xa limitado autogoberno". É máis, percibe a apertura "dun horizonte escuro" no que o que denomina "tríada reaccionaria" non descartaría "mesmo a ilegalización de partidos políticos".

"Esta situación debe facernos colocar a axenda social na centralidade do debate político e denunciar que a democracia está en perigo", insistiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

1 lóstrego

O que diga Pablemos, a seguir enganando aos galegos. Politicamente, xa non tendes onde caer mortos. Palabras vacuas como o réxime do 78, a xente do común, unidade popular, o retorno de Atila, axenda social, patatín, patatán; para xustificar o inxustificábel: venderse barato ao unionismo español de "esquerdas". Vergoña!

1 Azrael

Antes de acusar a alguén de se vender, olla ben o que tés na casa: http://www.galiciaconfidencial.com/...

2 lóstrego

Eu non acuso, opino sobre os feitos. Soio son un votante arrepentido da marea, non milito no bng. Paréceche ben así? E por suposto, as vindeiras eleccións voltarei votar BNG.

3 Orduño

Entre "son un votante arrepentido da marea" e "voltarei votar BNG" só unha das dúas afirmacións pode ser certa. As mentiras da troleada blocalla teñen as patas moi curtas.

4 lóstrego

Por se non o sabes, reaccionario multinicks, a maioría dos votos que recibíu a marea veu de exvotantes do BNG. Coma mín, moitos galegos caimos nos cantos de serea da unidade popular e desenganados voltaremos ao BNG. Se non che quedou claro, vai rascar o carallo!

5 Santi M.

Encaixa bastante para os tres, para o "Bloque" Nacionalista Galego, para Bloque 2.0 e para Te Mareo.

6 A culpa é da FPG

Por se non o sabes, reaccionario lóstrego, o BNG sacaba 40.000 votos nos 80, case 400.000 en 1997, e outravolta 40.000 agora. Os votos non son de ninguén. Son da xente. E o voso BNG non vai levantar cabeza até que deixedes de botar a culpa de todo aos demais e comencedes a facer autocrítica dso vosos erros.