A Xunta porá a disposición dos colexios un protocolo de altas capacidades intelectuais

Incluirá a definición de conceptos como as altas capacidades intelectuais --diferenciando precocidade intelectual, talento e superdotación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2019 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional atópase ultimando o 'Protocolo para a Atención Educativa ao Alumnado con Altas Capacidades Intelectuais', un documento que, estima, estará "en breve" a disposición de toda a comunidade educativa.

Así o anunciou este sábado a titular deste departamento do Goberno galego, Carmen Pomar, durante a clausura do II Congreso Internacional de Educación 'Educa 2019', que se celebrou desde este xoves en Santiago congregando a expertos nacionais e internacionais na docencia.

Segundo informa a Xunta, a conselleira de Educación destacou que a posta en marcha do protocolo responde os obxectivos do Decreto 229/2011 de atención á diversidade, que "cambiou o concepto de atención á diversidade deixando atrás a idea de discapacidade como un concepto negativo para contemplar unha realidade máis ampla".

Neste sentido, Pomar explicou que o alumnado con altas capacidades é un grupo "heteroxéneo" en canto á súa responsabilidade, desenvolvemento social, emocional e cognitivo, o que require respostas educativas "adecuadas" que lles permita desenvolver "ao máximo" o seu potencial e, sobre todo, "abordar esa diversidade desde unha proposta inclusiva".

A conselleira avanzou que o documento incluirá a definición de conceptos como as altas capacidades intelectuais --diferenciando precocidade intelectual, talento e superdotación-- ou a dobre excepcionalidade --xuntan altas capacidades con necesidades específicas de apoio educativo--, así como a indentificación deste alumnado e a intervención educativa adecuada a cada caso.

OBRAS NO CPI PLURILINGÜE DE VEDRA

Por outra banda, a Consellería de Educación publicou este sábado a licitación das obras de ampliación do CPI Plurilingüe de Vedra, que contará cun orzamento duns 955.000 euros. A previsión é empezar as obras no verán, de modo que interfiran o mínimo posible na vida escolar.

En concreto, a actuación ampliará o centro a través dun novo edificio no que se situarán oito aulas de Educación Secundaria e que permitirá redistribuír as clases de Infantil e Primaria na infraestrutura xa existente, na que tamén se realizarán melloras.

Neno debuxando
Neno debuxando | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta