Os traballadores das ambulacias critican á Xunta por criminalizar aos folguistas

Novas incidencias na folga de ambulancias con máis de 15 vehículos picados. Os sindicatos din que moitos deses vehículos circulan con "rodas lisas" e en condicións "moi irregulares".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2019 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

A folga de traballadores de ambulancias en Galicia continuou este sábado coa súa sexta xornada consecutiva de paro no seu segundo tramo, cando se rexistraron picadas nas rodas de 16 vehículos asistenciais do soporte vital básico.

Tal como sinalou a Xunta nun comunicado, desde as 12,00 horas do pasado venres e as 12,00 horas deste sábado, rexistráronse picadas nas rodas de 16 ambulancias con base nos concellos de Vigo, con cinco ambulancias; A Coruña, Redondela e Baiona, con dúas ambulancias en cada un; Betanzos, Ponteceso, Lalín, Nigrán e Cerceda.

A Fundación Pública Urxencias Sanitaras de Galicia-061 condenou "firmemente" as sabotaxes e os actos vandálicos realizados contra os vehículos dentro da convocatoria de folga que se enmarca "no contexto de falta de acordo na negociación polo convenio colectivo entre patronal e os técnicos en emerxencias sanitarias".

PIQUETES NOS HOSPITAIS

Pola súa banda, os sindicatos continúan defendendo a convocatoria de folga. O portavoz da CIG, Inacio Pavón, asegurou a Europa Press que os ánimos dos traballadores están "máis fortes" e que "cada vez hai máis xente nas protestas". Este sábado, segundo sinalou Pavón, "houbo piquetes en todos os hospitais".

Así, o portavoz da CIG explicou que se na nova reunión no Consello de Relacións Laborais entre empresarios e sindicatos, que se celebrará o vindeiro xoves 28 de febreiro, non chegan a un acordo sobre o convenio, "a folga continuará". "Vémolo complicado polas posicións da patronal e da Administración na última reunión celebrada este venres (día 22 de febreiro) a tres bandas", engadiu Pavón.

Ademais, criticaron que a Xunta "condene tanto o tema das sabotaxes", xa que, ao seu xuízo, "non condenan que todos os días haxa ambulancias que circulan coas rodas lisas, así como vehículos avariados e que non se arranxan". "Que se poñan co seu, que doten de recursos económicos os concursos e que se solucione o conflito", subliñou Pavón a Europa Press.

"O que hai é un interese por tratar un conflito laboral coma se fose un problema de orde pública. Non imos a aturar que se criminalice coma se fose un problema de delincuencia e non do ámbito laboral", sentenciou.

Ambulancia en Galicia con pintadas durante a folga no sector.. FEGAM
Ambulancia en Galicia con pintadas durante a folga no sector.. FEGAM

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta