Feijóo responderá sobre igualdade e dereitos da muller no pleno previo ao 8 de marzo

Os grupos volverán debater sobre peaxes nunha sesión na que o PP pedirá medidas para evitar o peche da central de Meirama

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2019 | Actualizada ás 12:52

Comparte esta noticia



O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, responderá a preguntas de En Marea e BNG sobre igualdade e dereitos da muller no próximo pleno do Parlamento de Galicia, que terá lugar unha semana antes do 8 de marzo. Ademais, o máximo mandatario autonómico tamén será interpelando sobre as súas políticas de natalidade polo PSdeG.

A orde do día acordada polos grupos na Xunta de Portavoces do pasado martes fai que a próxima sesión plenaria, que terá lugar os días 26 e 27 de febreiro, volva centrarse na igualdade entre xéneros unha semana antes da convocatoria dunha nova folga feminista por parte de varias organizacións sindicais.

A este pleno, que inclúe a comparecencia da conselleira de Política Social, Fabiola García, o Grupo Parlamentario Popular levará o debate da totalidade do proxecto de Lei de Rehabilitación de Galicia.

Pola súa banda, os socialistas presentarán outra proposición de lei para reclamar o traspaso a Galicia das competencias de tráfico, circulación de vehículos e seguridade viaria. INICIATIVAS SOBRE IGUALDADE

De cara á última sesión plenaria de febreiro, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou que, nas "vésperas do 8 de marzo", preguntaralle a Feijóo se "respectará ás mulleres" ou si "repetirá o boicot do ano pasado", cando "varias sentenzas do TSXG" ditaminaron que a Xunta "vulnerou" o dereito á folga das súas traballadoras.

Así mesmo, a dirixente nacionalista avanzou que o seu grupo presentará unha proposición non de lei para que o Parlamento galego se sitúe a favor da folga feminista. Tamén proporá na Cámara que os grupos rexeiten os ventres de aluguer por ser unha "forma de explotación dos corpos das mulleres, especialmente as máis vulnerables". A maiores, esixirán que se faga efectivo na sanidade pública galega o dereito das mulleres a interromper o embarazo.

Ademais, o Bloque presentará unha moción sobre a situación da sanidade galega a través da que volverá demandar a dimisión do Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

PROPOSTAS DO PSDEG

Pola súa banda, os socialistas pedirán que se aumente o número de profesionais do Imelga para que as valoracións nos casos de violencia de xénero poidan ter resposta en "15 días"; proporán medidas para incrementar a igualdade laboral e salarial; e reclamarán que se reforce a rede de Centros de Información á Muller (CIM).

Ademais, segundo explicou o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, a súa formación pedirá que a Xunta introduza rebaixas do 25% nas peaxes das autoestradas da súa titularidade para os percorridos de ida e volta. Ademais, volverá demandar que o custo da ampliación da Ponte de Rande, na AP-9, sexa asumido con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) e se evite a subida das peaxes.

PROPOSTAS DE EN MAREA

Pola súa banda, a igualdade tamén será a protagonista das propostas que En Marea formulará na próxima sesión plenaria, na que o portavoz rupturista, Luís Villares, tamén cuestionará sobre os dereitos da muller ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Así mesmo, En Marea pedirá na sesión que se garanta a igualdade en materia sanitaria xa que, segundo indicou Villares, existen enfermidades femininas que "están invisibilizadas" ou "lonxe de ter un tratamento equitativo, como a endometriosis".

A formación rupturista tamén pedirá garantir os dereitos sexuais e reprodutivo, así como que se blinden os dereitos das traballadoras do fogar. Por último, denunciará a falta de medios en atención á dependencia e de aplicación completa da lei que, conforme sinalou o portavoz, leva "traballos de coidados non remunerados".

PROPOSTAS DO PPDEG

Por último, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, destacou que a súa formación presentará unha proposición non de lei para reclamar medidas orientadas a evitar o peche da central térmica de Meirama ou que, na súa falta, se articule un verdadeiro plan industrial que permita o mantemento do emprego e en cuxa aprobación se teña en conta a opinión e a Xunta.

Ademais, indicou que o PP presentará outra iniciativa relativa aos "retos pendentes" en igualdade que incluirá propostas en materia de conciliación e corresponsabilidade. Ademais, tamén proporá apoiar o liderado feminino en todas as esferas da sociedade

Por último, os populares preguntarán á Xunta pola súa valoración da visita realizada pola ministra de Sanidade, María Luisa Carceso, ao laboratorio de biotoxinas marianas de Vigo.

Masiva manifestación en Vigo na xornada de folga feminista do 8 de marzo, Día da Muller
Masiva manifestación en Vigo na xornada de folga feminista do 8 de marzo, Día da Muller | Fonte: Miguel Núñez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

O dos " ventres de aluguer" é ilegal eiquí, así que non vexo a que ven a esixencia do BNG de condénalo. E legal en Ucrania. ¿ Seica o BNG pide que o parlamento galego rexeite as normas de Ucrania ? E o de " interromper o embarazo" é un eufemismo por abortar.