Temas: DATOS ESPAñA PIB

A economía galega ten hoxe menos peso en España que hai un século

O PIB galego representa o 5,2% do total estatal, por debaixo do 5,6% que tiña en 1860 ou do máximo histórico do 6,9 en 1950.

Por Galicia Confidencial | Santiago de C0mpostela | 25/02/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Galicia pasou por un profundo proceso de transformación social e económica nas últimas décadas. O país modernizouse, si, pero perdeu peso específico na economía española. De feito, o impacto do Produto Interior Bruto (PIB) galego no estatal é hoxe menor que nos séculos XIX e XX.

Estaleiros en Vigo.
Estaleiros en Vigo.

Entre mediados do XIX e o XX, a contribución do PIB galego ao de España foi medrando progresivamente. Se en 1860 representaba o 5,6% do total estatal, en 1910 era do 6,3 e en 1950, o 6,9, o máximo histórico. A partir de aí, a economía galega foi perdendo protagonismo. En 1980 o PIB de Galicia representaba o 6,0% do total e a tendencia á baixa mantívose desde entón constante, até situarnos desde 2015 no 5,2%, mínimo histórico.

As previsións dos economistas non son nada alentadoras. De manterse as tendencias actuais, a achega de Galicia ao PIB español continuará baixando nos próximos anos.

A dinámica no longo prazo da economía galega pon en evidencia esa perda de peso no contexto estatal.

En 1860, Galicia era a sétima economía en España (5,6%), por detrás de Andalucía (25,8%) Cataluña (12,2%), Castela e León (11,4%), Valencia (8.6), Castela-A Mancha (7,5%) e Aragon (5,8%). Daquela, o PIB de Madrid –que hoxe ocupa a segunda posición (18,9%), case á par que Cataluña– apenas representaba o 5,5%, inmediatamente por debaixo de Galicia. Tamén é destacable o caso de Andalucía, que pasou de representar case unha cuarta da economía española no século XIX a ocupar a terceira posición, co 13,4%.

En 1910, a galega era a sexta economía (6,3%), co ascenso de Madrid (6,7%) ao quinto lugar e a caída de Castela-A Mancha (6,0%) e Aragón (4,5%) como cambios máis significativos, xunto co ascenso de Cataluña (20,2%), que iniciou un século de dominio na economía española, caendo Andalucía á segunda posición co 18,7%.

A partir de aí, pouco mudaron as cousas. Galicia mantíñase como sexta economía española en 1950 e en España Madrid seguía medrando, até o 9,6%, mentres Andalucía seguía perdendo peso (14,6%) e a economía vasca (6,7%) consolidábase como unha das máis emerxentes. Foi cando a economía galega tivo maior peso en España, representando o 6,9% do PIB estatal. Desde entón, a caída foi continua.

Chegados a 1980, a economía galega perdera case un punto e situábase no 6,0%, e pasaba de novo á sétima posición, debido ao auxe do País Vasco, que superaba por primeira vez a Galicia e situábase na quinta posición, co 7,4%, unha porcentaxe extraordinaria se se ten en conta que en 1860 o PIB vasco apenas representaba o 2.5 do total estatal, sendo a décima economía. No sexto posto aparecía daquela Castela e León cun 6,2%, mantendo a súa tendencia negativa. Tamén é de novo salientable a forza de Madrid, que por primeira vez se situaba segunda, co 14,8%, por detrás de Cataluña (19,2%) e superando a Andalucía, que tocou o seu mínimo histórico co 12,8%.

Pouco variaron as cousas desde entón. A economía galega pasou a ser a sexta no Estado nos últimos anos, pero pola caída de Castela e León, que por primeira vez se situou por debaixo de Galicia. O PIB galego mantivo a súa tendencia decrecente, caendo até o 5,2%, mentres que na cabeza, Madrid e Cataluña consolidáronse como os motores de España (arredor do 19% cada unha), sumando entre ambas case o 40% do PIB total español; e con Andalucía concentran máis da metade do PIB estatal. Precisamenrte destaca a recuperación andaluza, que tras permanentes caídas volveu recuperar peso, até o 13,4%.

En conxunto, Madrid e o leste peninsular fixéronse os máis fortes durante o último século e medio, mentres que as aportacións do centro (Castela e León, Castela-A Mancha e Estremadura) e sur (Andalucía, Murcia) caeron. No norte só é destacable polo seu crecemento o caso vasco.

A fonte destes datos é o estudo Regional Inequality in Spain: 1860-2015, asinado polos profesores Alfonso Díez Minguela, Daniel A. Tirado Fabregat e Julio Martinez Galarraga, da Área de Historia e Institucións Económicas do Departamento de Análisis Económico da Universitat de València. Vén de ser publicado en formato libro por Palgrave Studies in Economic History, coa edición do profesor Kent Deng, da London School of Economics.

Temas: DATOS ESPAñA PIB
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 anonimo

Efectivamente, todo quisque chupa da teta galega. Os vascos e os cataláns cobran as suas pensións grazas aos cotizantes de Lugo e Ourense. Se non fora pola inmensa masa de cotizantes lugueses e ourensans, toda España non cobraba pensións.

3 Pitito

E a culpa de quen é? Dos que emigran ou dos que malia a crise seguen chuchando da teta galega comoña sempre e coma se nada pasase?

2 uu1

Peso econômico, demográfico, e também o peso da língua galega, da cultura galega e ata dos gaiteir@s. A Galiza dentro duns anos não há reconhecera ninguém. E haverá gente que diga que a mudança é para bem.

1 que ben¡¡

E menos que terá... pero cara onde imos... os listos economistas que saen de cando en vez o saberán... o modelo da sociedade galega é o que é...