O PSdeG reclama a Feijóo o recoñecemento da loita contra a pobreza infantil do Goberno central

Caballero puxo o foco en que "un de cada catro nenos" en Galicia están en situación de risco ou de pobreza extrema.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2019 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a "recoñecer o traballo e o compromiso" do Goberno central que encabeza Pedro Sánchez na loita contra a pobreza infantil e que supuxo "un feito diferencial" respecto das "políticas" que desenvolveu o PP desde o Executivo central.

Así se expresou Caballero en declaracións aos medios antes do arranque da xornada organizada en Santiago polos socialistas galegos sobre a pobreza infantil e que contou coa participación do alto comisionado do Goberno español na materia, Pau Marí-Klose.

"A dereita fallou votando non aos orzamentos (do Estado) que tiñan un claro compromiso na loita contra a pobreza infantil", subliñou o líder dos socialistas galegos, que pide a Feijóo que recoñeza que a chegada do PSOE á Moncloa supuxo un cambio "diferencial" á hora de implementar "unha axenda transversal nas políticas públicas para que ningún neno ou nena teña unha infancia que lle impida vivir con dignidade".

Caballero puxo o foco en que "un de cada catro nenos" en Galicia están en situación de risco ou de pobreza extrema, unha realidade que debe converterse en "unha cuestión de país e de interese nacional" porque "afecta a todos, polo futuro do país e pola situación de dignidade dos máis pequenos".

Neste sentido, destacou que o Executivo de Pedro Sánchez converteu a loita contra a pobreza infantil en "un fío condutor" da súa acción gobernamental coa apertura de "unha liña específica" para combater esta problemática.

PAU MARÍ-KLOSE

As xornadas, centradas en analizar esta problemática no ámbito galego, contaron coa participación dunha trintena de colectivos centrados no combate da pobreza infantil, así como diferentes representantes socialistas, como o portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, ou o candidato á Alcaldía de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

Tamén asistiu o alto comisionado para a loita contra a pobreza infantil, Pau-Marí Klose, quen realiza unha rolda por todo o Estado para explicar a axenda desenvolvida polo Goberno español en "unha materia" na que o país "se xoga moitísimo" pois "teñen implicacións" en toda a sociedade.

Klose subliñou que "ninguén elixe nacer e crecer nun fogar pobre" e que esta realidade, ademais de afectar ao presente dos máis pequenos, "lastra" o seu desenvolvemento como persoa e "compromete que saia adiante grazas ao seu esforzo e a súa intelixencia".

"Malogramos talento cando deixamos que os nenos queden atrás", apuntou, para logo puntualizar que os nenos e nenas "que non terminan desenvolvendo as súas capacidades non van achegar á sociedade todo o que eles son capaces de achegar". "Iso é grave e ten repercusións que nos deberían facer pensar na necesidade de investir en infancia", apostilou.

"O pasado domingo, un informe europeo lembrábanos a necesidade de investir máis e mellor. Investimos moi pouco en infancia e iso ten consecuencias que se expresan en indicadores como o abandono escolar ou a obesidade infantil e que están directamente relacionados coa pobreza infantil", engadiu.

Así as cousas, Pau Marí-Klose instou a que o "compromiso" de combater activamente a pobreza infantil debe ser asumido polo goberno "sexa da cor que sexa", así como por todos os partidos política e a sociedade no seu conxunto.

Gonzalo Caballero e Pau Marí-Klose nunhas xornadas sobre pobreza infantil da P. PSDEG
Gonzalo Caballero e Pau Marí-Klose nunhas xornadas sobre pobreza infantil da P. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta