Os estudantes de Farmacia, fartos de ser 'okupas' por obrigación en facultades alleas

Unhas obras de reparación provocaron o traslado do alumnado a outros centros da USC. Se ben esta situación se ía manter durante un só curso, o conflito perdura case tres anos despois. Estudantes e profesores concentraranse este xoves 28 de febreiro ás portas do edificio para reclamar unha solución

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/02/2019 | Actualizada ás 20:45

Comparte esta noticia

O alumnado de Farmacia leva preto de tres anos esparexido por outros centros da USC. O que no seu momento se anunciou como un paro lectivo nese edificio por obras de mellora "durante un ano", rematou por prolongarse e por converterse nun conflito real para estudantes e profesores. É por iso polo que os alumnos deste grao universitario convocan unha concentración para este xoves 28 en sinal de protesta pola falta de solucións. 

Facultade de Farmacia da USC
Facultade de Farmacia da USC | Fonte: USC

A noticia de que a facultade ía pechar temporalmente e de que os estudantes ían ser trasladados comezou "como un rumor", lembra Marta Alén, alumna de 4º curso. Segundo conta, íanse sucedendo os comentarios que apuntaban a eses cambios, sen que houbese un comunicado oficial que o confirmase. Finalmente houbo un aviso mediante unha plataforma virtual, pero os estudantes quéixanse de que en ningún caso estiveron ben informados do que pasaba verdadeiramente. 

"Fómonos enterando grazas ás reunións que se celebraban na facultade e ás que acudían os representantes dos alumnos", explica Marta. Grazas á información que puideron ir recabando nesas xuntanzas e ao diálogo que consideran avivado co cambio de goberno da USC, a día de hoxe cónstalles que as complicacións que se atoparon na infraestrutura son dúas, principalmente.

Por unha banda, o que motivou as obras iniciais foi unha problemática nos cimentos do edificio, algo ao que agardaban ter que dedicarlle un ano como máximo. Aínda que iso xa está solucionado, segundo ten informado o Decanato, no transcurso desas reformas descubriuse que a facultade se vía afectada por un problema de contaminación do solo. 

"Algúns profes negáronse a seguir traballando alí" e alegaron, por exemplo, afeccións cutáneas derivadas das condicións de "inhabitabilidade" do lugar, tal como explica Marta Alén. De feito, os laboratorios da zona máis exposta ao problema deixaron de usarse. No canto diso agora empréganse os vellos laboratorios, máis afastados desa área, pero "máis antigos e menos preparados". Son as únicas instalacións do edificio que seguen utilizando os alumnos. O resto das clases sonlles impartidas noutras facultades, como Dereito, Ciencias Políticas ou Psicoloxía.

A de Marta é, pois, a última xeración que fixo vida académica normal na súa Facultade. Para os alumnos que ingresaron na carreira con posterioridade, "esta é a única situación que coñecen": "Non saben o que é ter unha facultade propia, nunca estudaron alí, non saben como é o edificio", sinala. Ademais, a falta dun lugar común provoca que se "perda o contacto" e a relación entre alumnos de distintos cursos.

FALTA DE DIÑEIRO

Marta Alén, en representación dos alumnos, critica que durante todo este período de tempo, as explicacións que se lles remitiron aos estudantes brillaron pola súa ausencia. "É unha falta de respecto que teñamos que ir pedindo información por contagotas", lamenta. Con todo, recoñece que a conversa flúe mellor co cambio no equipo de goberno da Universidade. Mostra diso é a reunión que teñen fixada para mañá, martes 26 de febreiro, co decano e co xerente da obra. Nela abordarán a traxectoria da reforma e tentarán saber realmente "que é verdade e que é mentira". 

Aseguran que "o problema é que falta diñeiro" para retomar as obras, actualmente paralizadas. Fan un chamamento á Xunta para que se percate do conflito existente e para que dea unha resposta activa. Lembran que a súa é unha das poucas facultades de Farmacia do norte de España e, como tal, recibe alumnos de distintas comunidades autónomas. "Queremos que se nos teña en conta", sosteñen. 

Precisamente para facerse oír, teñen prevista unha concentración ás portas do centro universitario para o vindeiro xoves 28, ás 12.00 horas. Convidan a participar a profesores e alumnado, non só desa carreira, senón de toda a USC. "A quen máis nos afecta é a nós, pero tamén lles estamos quitando recursos e servizos ás outras facultades", que acaban tendo problemas de horarios debido ás modificacións que se realizaron para integrar as materias de Farmacia nesoutras aulas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta