O Plan de Atención Primaria irrita o sector médico que fala de "mediocridade da administración"

O día 25 de febreiro de 2019 acaba o prazo para presentar alegacións ao documento “Propostas para un novo modelo de atención primaria”. As reaccións do sector médico pasan por pedir a volta ao modelo que se herdara do bipartito e que o PP comezou a desmantelar nada máis chegara á Xunta en 2009.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade creo o documento “Propostas para o Novo Modelo de Atención Primaria” como resposta ás demandas do colectivo médico da área de Atención Primaria ou Medicina de Familia. A proposta, de menos de cincuenta folios, permite achegar alegacións ata o día 28 de febreiro de 2019. A cuestión é que este documento aparece nun momento marcado polas citas electorais de abril e maio, ademais das folgas de ambulancias, as protestas e queixas de usuarios en Urxencias e para moitos e moitas profesionais, nun momento “no que todo lles estoupou nas mans” logo do que foron “anos e anos de recortes en sanidade”.

Comunicado de asociacións e profesionais de Atención Primaria
Comunicado de asociacións e profesionais de Atención Primaria

O comezo de todo foi o ano 2009 cando gaña as eleccións para a Xunta o PP con Feijóo como candidato a presidente. A titularidade da Consellería de Sanidade pasa a Pilar Farjas. Comeza daquela un proceso do que asociacións médicas e sindicatos cualifican como “desmantelamento da sanidade pública”, con especial incidencia en Atención Primaria.

ATENCIÓN PRIMARIA

A Atención Primaria defínese como “a asistencia sanitaria esencial baseada en métodos e tecnoloxías prácticos, cientificamente fundados e socialmente aceptables, posta ao alcance de todos os individuos e familias da comunidade mediante a súa plena participación e a un custo que a comunidade e o país poidan soportar, en todas e cada unha das etapas do seu desenvolvemento cun espírito de autorresponsabilidad e autodeterminación”.   Ademais disto a “a atención primaria forma parte integrante tanto do sistema nacional de saúde, do que constitúe a función central e o núcleo principal, como do desenvolvemento social e económico global da comunidade”.

O principio de Atención Primaria tiña unha compoñente preventiva de cara a evitar que as persoas con menos recursos seguisen sendo as máis prexudicadas polas enfermidades. Esta idea de atención preventiva materializouse na Declaración de Alma-Ata, antiga URSS, en 1978. O contexto político e as grandes fendas de desenvolvemento económico entre países, propiciou unha conferencia internacional da que saíron dez puntos non vinculantes como directrices para a Atención Primaria. A década de 1980 foi o momento en que se aplican estes principios en España, primeiramente centralizados polo Ministerio de Sanidade e logo nos diferentes organismos autonómicos.

Protestas de médicos de Atención Primaria en Vigo.
Protestas de médicos de Atención Primaria en Vigo.

SOSPEITAS DE DESMANTELAMENTO

O primeiro goberno do PP inicia unha serie de reformas dentro do SERGAS, como por exemplo a creación das EOXI (Estrutura Organizativa de Xestión Integrada), “Instrumentos de organización, sen personalidade xurídica, que configuran os órganos periféricos que xestionan o Sistema Público de Saúde de Galicia e integran todos os centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde no seu ámbito territorial”.

Que motivou a creación tanto das EOXI como os convenios coa sanidade privada durante a xestión de Pilar Farjas e sucesores? “A sospeita é que hai un interese claro de desmantelar a sanidade pública en Galicia” din desde Batas Brancas. Esta asociación profesional apunta tamén que “todos os hospitais privados en Galicia, agás un, foron vendidos a multinacionais, o que fala dun negocio importantísimo, comezaron en Vigo cun hospital novo, queren pechar Meixoeiro en vez de facer pública toda a sanidade nesa cidade”.

Os motivos estarían no que xa apuntaba Galicia Confidencial hai semanas, o negocio da sanidade só interesa dentro do que é a atención hospitalaria, a atención primaria non interesa, porque vai encamiñada á prevención, non á cura, non ao ingreso hospitalario en si. Punto este que confirman tamén Batas Brancas.

NOVO MODELO DE ATENCIÓN PRIMARIA

A Consellería de Sanidade dirixida por Jesús Vázquez Almuíña decidiu enviar unha serie de puntos de dentro dun documento que pretendía recoller opinións de especialistas para un novo modelo de Atención Primaria. “Cremos que esta é unha comedia montada polo conselleiro, gañar tempo e facer ver que ten talante de diálogo” din Batas Brancas.

“Nese documento non se concreta nada, o máis grave é que hai uns requisitos imprescindibles que se non se cumpren e todo o demais non serve para nada”. O exemplo que poñen é que “se crearía unha dirección de Primaria, que xa existe e se chama Dirección de Procesos sen Ingreso dentro das EOXI”. Esta dirección de procesos sen ingresos estarían carentes de orzamentos, segundo Batas Brancas o que non lles permitiría exercer o seu labor con autonomía. A primeira acción que piden é a eliminación das EOXI e volver ao sistema anterior creado polo bipartito.

As plataformas e sindicatos consultados por Galicia Confidencial apuntan a falta de concreción en todo o documento. “Só eles (Consellería) saben cantos médicos necesita Galicia, pero por que non concretan e fan algo? Porque non interesa, só aparentar que se fai algo” di Batas Brancas. “Feijóo está falando estes días de que fixeron numerosas propostas, pero que presente os datos claros e só fala de crear prazas de enfermería pero de médicos non o saben, como non van sabelo?”

“A atención primaria non é só receitar o medicamento, hai unha relación médico paciente, que é certo, hai un problema a nivel médico que pode implicar o resto de colectivos da sanidade na solución, pero o principal punto é saber cantos médicos se necesitan para a Atención Primaria”. Nese sentido, a pregunta que presentan os colectivos médicos é “por que non se convocan prazas por oposición?”. Iso implicaría tamén a desaparición dos diferentes tipos de contratación laboral aplicada hoxe en día e que son un exemplo de precariedade laboral.

Galicia Confidencial preguntou sobre a capacidade xestora de Alberto Núñez Feijóo, quen fora secretario xeral de Sanidade con Romay Beccaria de conselleiro. “Foi un bo xestor daquela, hoxe é un político puro e duro, que, lamentablemente, está arrodeado por xente mediocre”.

SOLUCIÓNS

A só tres días de que finalice o prazo para presentar alegacións á proposta da Consellería de Sanidade, as forzas sindicais non foron convocadas para futuras reunións para abordar os diferentes puntos que propón o documento. Non obstante, e por ter accedido a el mediante canles extraoficiais, case todas están de acordo coas plataformas e asociacións profesionais.  Hai unha falta de concreción dentro dos diferentes apartados que non aportan solucións nin vías de solución á cuestión da Atención Primaria.

Mais as accións imperativas para darlle solución ao sector da Atención Primaria, segundo asociacións médicas estarían sobre catro piares. “Disolución das EOXIS e volver á xestión propia con orzamentos e equipos de seu, definir o número de médicos necesarios e convocar prazas, despolitizar a xestión e deixar os nomeamentos a dedo, no novo modelo consolidan este sistema de nomeamento e por último, recuperar os principios da Atención Primaria”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Dalle que libras

Mentres se malgastan miles e miles de euros en atención especializada, especialmente en Cardioloxía, con cada vez máis probas e procedementos carísimos e de discutible utilidade, se recurta cada vez máis na Atención Primaria