Estudantes da Coruña e Ferrol en pé contra o cambio climático

Alumnos destas dúas cidades apoian o movemento internacional 'Fridays for future' e chaman á concentración para protestar pola "indiferenza" dos gobernos ante as ameazas ás que se enfronta o noso planeta. "O noso futuro está hipotecado para que algúns sigan aumentando as súas fortunas", critican

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2019 | Actualizada ás 13:09

Comparte esta noticia

Un conxunto de alumnos da Coruña e Ferrol convocou unha folga estudantil contra o cambio climático para o vindeiro venres 15 de marzo. Únense así á xornada 'Fridays for future', un movemento internacional que loita polo futuro do noso planeta. 

Unhas das posibles causas do cambio climático
Unhas das posibles causas do cambio climático | Fonte: WWF España

"Chegou o momento de cambialo todo". Así presentan as súas intencións de rebelarse ante a "non actuación" dos gobernos, que "ignoran" o que está a suceder. "Estamos vendo como o noso planeta se encamiña ao desastre polas malas accións e a indiferenza" das administracións, aseguran; "a xeración dos nosos pais está deixando que o cambio climático, a contaminación dos solos e augas, a extinción de miles de especies ou a destrución dos ecosistemas se convirta nunha situación irreversible".

Por iso,  este grupo de estudantes pretende "ocupar as prazas, enchelas de charlas, obradoiros, debates e actividades relacionadas contra o cambio climático" para concienciar a sociedade. Están previstas tamén dúas concentracións ás 13.00horas, na praza de María Pita e na praza de Armas, respectivamente. Convidan á participación de alumnos e mestres de todas as etapas educativas.

Consideran que "o noso futuro está hipotecado para que algúns sigan aumentando as súas fortunas" e mesmo apuntan directamente a unha das problemáticas ambientais máis visibles en Galicia: os lumes. "Os nosos bosques arden e os nosos poolos desxéanse para pagar os luxos duns poucos".

Rexeitan, ademais, que se trate dunha cuestión ideolóxica, relixiosa ou de nacionalidades, senón que precisan que é algo que nos afecta a todos os habitantes do planeta. "É a maior crise á que nos podemos enfrontar e necesitamos tratala como tal. Con equidade e sen perder nin un minuto máis".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta