Un escenario político aberto

Nos próximos tempos asistiremos a unha profundización na involución iniciada desde que “a crise” se introduciu no imaxinario colectivo. Co retorno do PP ao Goberno de España o 20-N veñen baterías de medidas contra a maioría social que a curto prazo traen novos retrocesos sociolaborais, sofremento, más España, recorte de dereitos e liberdades e, como consecuencia lóxica e irremediábel, unha clarificación de contradicións que se produz nunha correlación de forzas totalmente desfavorável para o soberanismo.

Por Aurélio Lopes | Compostela | 20/10/2011

Comparte esta noticia

A pesar das dificuldades do futuro imediato, e da inevitabilidade de certos decretos-lei, evitemos o desánimo curtopracista e analicemos os novos escenarios como oportunidade histórica para decantar contradicións no campo nacionalista, actualizar estratexias e acumular forzas na única dirección que posibilita superar a situación actual, é dicir, baixo parámetros soberanistas e de esquerda.

Un escenario aberto onde o independentismo galego ten que emerxer, e vai emerxer, como alternativa estratéxica para a maioria social galega. Neste escenario cambiante saen a palestra varios factores: a previsíbel victoria do Partido Popular o 20-N, o debate interno no seo do BNG,  o proceso político que vive o independentismo galego e o segundo manifesto de Resistencia Galega que se presenta como “brazo armado do povo” e fai un chamado a “amplas configuracións soberanistas galegas”.

Extrema dereita chegará a La Moncloa para impulsar a ofensiva españolista e neoliberal

Esgota-se o modelo político e socioeconómico e probabelmente un ciclo histórico: o sistema capitalista español está en crise estrutural, con institucións bancarias e financeiras descapitalizadas, empresas sem crédito, sobreprodución de mercadorias, caida do consumo, etc. O tradicional modelo de desenvolvemento económico español é hoxe un auténtico fiasco e o risco do “resgate” internacional é real.

Agora, a oligarquía que rexe o Estado necesita resituarse para manter os niveis de beneficio e a posición de potencia de segunda orde. Lograr obxectivos tan trascendentes esixe, segundo anuncian, “sacrificios” para os mais, é dicer, reducións de salarios, incremento da xornada e a produtividade, xeneralización da precariedade, expropiación do aforro nacional, ampliación da idade de xubilación, centralización da negociación colectiva, fixación constitucional de teitos de gasto, etc. O cerne do nacionalismo español, que é tan prepotente con nacións como a galega, é sumiso cando as ordes chegan de Alemaña, o FMI ou o BCE. Iso, máis todo o que se anuncia: copago sanitario, privatización de Universidades, degradación do ensino público, etc.

No ámbito do modelo territorial, os instrumentos dos que se dotou o estado de 1978 xa non son capaces de dar solucións ás reivindicacións soberanistas e independentistas de Euskal Herria e Catalunya. Este esgotamento do marco territorial evidenciase na irrupción de amplias maiorias sociais que se erixen como suxeito nacional fronte a Madrid. Cada unha polo seu camino, coa súa traxectoria histórica.

A entrada do Partido Popular no goberno español será unha aposta de profundizar nas políticas anti-sociais e de carácter anti-galego despois da perfecta pista de aterraxe posta polo goberno de Zapatero. E utilizarán o pao e a represión con toda firmeza para pisotear os nosos direitos nacionais e as nosas conquistas sociais.

A XIII asemblea nacional do BNG

Nun escenario onde o estado español vai avanzar cara posición de maior dureza  frente o povo galego, depois da implosión da reforma estatutaria indefinidamente e á vista dos procesos de centralización, o BNG celebra unha asamblea nacional que se presume de histórica, pese o manida que está a palabra, á vista de que a estratexia de acoplamento institucional, normalidade democrática, e aposta estatutista visa con facer insostíbel o proxecto do BNG tal e como o coñecemos nos últimos 20 anos.

Ou o BNG abre o melón e decanta posicións estratéxicas rumadas á ruptura e solta lastre ou as condicións obxectivas para o pleno desenvolvimento do proxecto soberanista e independentista que precisa este País estarán moito máis ás claras. E soltar lastre non é simplemente a victoria dunha corrente fronte a outra, senón liquidar a nomenklatura que liderou a aposta autonomista. Todo apunta a que da XIII AN podemos aguardar reequilíbrios internos, autocríticas epidérmicas e radicalización da liña discursiva, pero, sen recoñecer que a vía estatutaria está liquidada, que non existe camiño legal á soberanía, todo se verá reducido a xogo de palabras. De resultar así a asemblea nacional, permanecer no BNG definíndose “independentista” cando o seu rumo se demostre incorrexíbel será aínda mais indefendíbel que no presente.

O proceso político independentista continúa

A estas alturas do artigo, haberá quen concordando no fundamental co anteriormente exposto se pregunte: cal é a alternativa?

Ben coñecido é, por parte de amplos círculos sociais do nacionalismo, o escenario de fraccionalismo interno que arrastrou o independentismo galego desde principios dos anos 90. Neste aspecto é incuestionábel o avanzo obxectivo e subxectivo que se está a dar no seo do movimento soberanista e independentista. O diálogo e o acordo entre organizacións e fraccións hoxe é un proceso sen retorno. A construcción dunha referencialidade na acumulación de forzas soberanistas e independentistas como a que representa Causa Galiza é unha grande esperanza. Falta explicitar o compromiso cunha folla de ruta para os próximos tempos. É probábel que estexamos ás portas dunha alianza independentista para traballar en todos os frentes:  social, eleitoral, político, de solidariedade cos presos nacionalistas…Vai ser un paso enorme que para a UPG non vai resultar intracendente.

A emerxencia de Resistencia Galega como “brazo armado do povo”

Tras 44 accións de propaganda armada e 6 anos desde a aparición do primeiro manifesto pola Resistencia Galega, vén de saír á luz o segundo manifesto. Máis alá dunha posición política, é unha declaración que non pode pasar desapercibida para quen queremos impulsar un proceso de liberación nacional o feito de que haxa homes e mulleres, galegos e galegas, dipostos a confrontar tamén no terreno do militar, no cuestionamento do monopolio da violencia por parte do estado.

Neste sentido xa é cansina a frase de copia e pega do BNG, “a conciencia pacifista do povo galego…”. O povo galego non está preocupado polas instalacións da fundación Manuel Fraga e a oficina de Novacaixagalicia. Posicionamentos como os de Aymerich son dignos de rexeitamento aberto por calquera nacionalista honesto. A semana pasada dicia: “Este tipo de actos únennos cos demócratas...” Quere dicir Aymerich que o feito de que Resistencia Galega ataque a Fundación Manuel Fraga ou Novacaixagalicia únelle ao PP e ao PSOE? Faille sentir mais español? Ao mesmo tempo ver alcaldes do BNG participando recentemente na festo do instituto armado o 12 de outubro, incluidos os da crítica soberanista e de esquerda como Martiño Noriega, fan pensar na proximidade ou problema menor que lle suscita a Guardia Civil e a súa violencia legal.

Debe haber un elemento divisorio nesta cuestión. Os que consideramos que neste País existen homes e mulheres que utilizan medios armados e merecen a nosa solidariedade ante a represión e entre quen, como Aymerich, failles sentir máis españois.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA