O Sergas reformará o Hospital Comarcal de Valdeorras para ampliar varias áreas

Permitirá "aumentar o espazo dispoñible" en consultas externas, Hospital de Día Onco-Hematolóxico, Farmacia e Cirurxía Maior Ambulatoria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2019 | Actualizada ás 16:58

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) reformará con case un millón de euros o Hospital Comarcal de Valdeorras para ampliar as áreas de consultas, oncoloxía, cirurxía maior ambulatoria e farmacia. Así o explicou a Consellería de Sanidade con motivo da visita este martes do titular deste departamento, Jesús Vázquez Almuiña, ao hospital, no Barco (Ourense), para presentar o plan de actuacións de "mellora e ampliación".

Hospital Comarcal de Valdeorras.
Hospital Comarcal de Valdeorras.

O plan permitirá "renovar e aumentar o espazo dispoñible" nas áreas de consultas externas, Hospital de Día Onco-Hematolóxico, Farmacia e Cirurxía Maior Ambulatoria, entre outros investimentos, cun orzamento previsto de 994.800 euros.

Estas obras de reforma compleméntanse, indicou a Consellería, cun "importante investimento" en equipamento médico e mobiliario, ademais dunha "total renovación" da fontanaría, climatización e mellora das comunicacións verticais, coa instalación dun novo ascensor-montacamas e a reestruturación da área de Urxencias-Punto de Atención Continuada, para unha "mellor funcionalidade", xa en execución.

Sobre a unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria, Sanidade explicou que contará cunha nova área de adaptación ao medio, cun orzamento de 150.000 euros para habilitar unha zona de preparación e recuperación dos pacientes antes e despois da cirurxía.

Iso "permitirá a inclusión de novos procedementos cirúrxicos nesta modalidade ambulatoria, que evita o ingreso e que, na provincia de Ourense, representa xa máis da metade das intervencións que se realizan anualmente", destaca Sanidade.

O ano pasado, o Hospital Comarcal de Valdeorras, segundo os datos da Consellería, realizou un total de 1.672 intervencións de cirurxía maior ambulatoria.

Na súa visita, Almuiña tamén visitou os laboratorios, que foron reformados, e conta, desde o pasado mes de xaneiro, con novo equipamento avanzado, "que mellora a automatización de procesos de face a axilizalos", abunda Sanidade.

O Sergas destaca que as obras e dotacións se inclúen no marco dun "plan de mellora" que "potencia a funcionalidade e servizos" dos hospitais comarcais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta