Polémica tras organizar a alcaldesa unha festa paralela á 15 edición da Foliada de Melide

A Asociación Cultural e Musical O Castelo aclara que ese evento será “novo e diferente” ao da tradicional foliada.

Por Galicia Confidencial | Melide | 27/02/2019 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Nunca unha foliada deu tanto que bailar e máis que falar. A suspensión da 15 edición da Foliada de Melide, organizada pola Asociación Cultural e Musical O Castelo, provocou unha crise municipal de tal magnitude que o propio concello decidiu organizar outra foliada pola súa conta. 

Mostra de baile. Foto: Foliada de Melide
Mostra de baile. Foto: Foliada de Melide

Unha decisión inédita que provocu que a Asociación Cultural e Musical O Castelo, organizadora da tradicional foliada, decidira saír ao paso tras un tenso pleno, o pasado 21 de febreiro, no que a acaldesa, a popular Dalia García Couso, acusou a esta entidade de “fins políticos”.

“Consideramos inadmisible e de suma gravidade que un cargo institucional que representa a máis de 7.000 veciños e veciñas insinúe en sede plenaria que a Asociación O Castelo ten motivacións políticas e que a súa decisión de renunciar á organización da Foliada busca danar ao goberno local ante a inminente celebración de eleccións municipais. Só quen concibe a cultura como arma política pode realizar declaracións deste cariz”, destacou a asociación nun comunicado.

Así, suliña que a súa única función é dinamizar a vila e contribuír ao seu desenvolvemento de forma desinteresada dende diferentes eidos. “Manexamos un concepto de cultura moi afastado daquel que inspira ao Concello. A asociación O Castelo non precisa nin sequera argumentar a súa desvinculación política; aí están 14 anos de traballo para demostrar que o noso único compromiso e a nosa única motivación foron a música e o baile tradicional”, aclarou.

FOLIADA "DIFERENTE"

Ademais, e ante a decisión do concello de convocar unha foliada independente para a última fin de semana de abril, a Asociación Cultural e Musical O Castelo precisa que ese “será un evento novo e diferente”, aínda que posiblemente as súas características sexan similares e teña como eixo central a música e o baile tradicional. “A Foliada tal e como a coñecemos ata agora foise dotando ao longo destes anos dunha identidade propia moi definida que se debe preservar. Toda esa esencia condénsase a nivel gráfico baixo os diferentes logotipos que a identifican e máis concretamente baixo a marca rexistrada “Foliada de Melide”, que O Castelo está disposto a ceder desinteresadamente a calquera asociación que desexe coller o relevo da organización e o faga dende o corazón, dende o respecto á súa esencia orixinal e sen ánimo de deturpala”, indicou.

Finalmente, a entidade lamentou que a alcaldesa de Melide argumente co detalle e non sexa capaz de ver a problemática na súa globalidade nin de facer unha reflexión autocrítica, “síntoma unha vez máis de que se descoñecen as necesidades do tecido cultural e o xeito no que traballa e funciona”. “Colaborar é ser eficiente nas xestións e non instalarse na desidia, é manter unha actitude receptiva e facilitadora, sen ter que pelexar ano tras ano por cuestións que nunca se resolven nin cruzar a porta do Concello coa sensación de quen vai mendigar axuda ou pedir un favor”, conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 ferro

E de ir adiante esa "foliada" paralela organizada polo "PP" de Melide, haberá que ir pensando em facerlle um boicote em toda regla, por parte dos grupos de música e baile tradicional, de toda Galiza... Ai que botalos!!! (de novo)... saúde.

1 GalegON

Ben falado!