Lumes: 20 anos de fracaso

Coa curta paréntese do bipartito, levamos 20 anos cunha política sobre os lumes que fracasa ao non impedir periodicamente vagas de incendios como a actual. Non chegou o momento de abordar unha alternativa?

Por Horacio Vixande | Vigo | 23/10/2011

Comparte esta noticia

 En agosto de 1990 o daquela conselleiro de Agricultura, José Manuel Romay Beccaría, o pai político de Núñez Feijóo, fixo o máis espantoso dos ridículos ao denunciar publicamente o uso dun aparello incendiario para prender lume nos montes. Resultou ser parte dun dispositivo pirotécnico. 21 anos despois a conspiranoia segue instalada nalgúns sectores do PP, incluído o noso presidente, que mesmo falsea datos para poder chegar á conclusión de que hai unha trama organizada detrás da vaga de lumes que asola parte do país.

En todos estes anos, o Estado conseguiu rematar coa ETA e mandar á cadea a boa parte dos traficantes de drogas, mais nunca sentou no banco dos acusados a ningún integrante dunha trama de incendiarios. Dementes, imprudentes, mal intencionados, auténticos delincuentes que prenden lume hai, e moitos por desgraza, pero trama?

Mil voces sinalaron xa que a transformación do rural en Galicia está detrás de boa parte das causas do lume debido ao conflito subxacente entre agricultura, gandería e explotacións forestais. Podemos debater ata o fin dos tempos sobre a natureza e as razóns dos autores, pero os datos indican que por moito que berremos non van desaparecer os lumes se non imos ás causas ou cando menos mudamos a conxuntura que facilita a propagación do lume.

Cun paréntese do Goberno bipartito cuxos efectos non houbo tempo de valorar, nos últimos 20 anos a política fronte aos lumes incidiu exclusivamente nos labores de extinción, que por certo no noso país significa evitar que se estenda o foco pero non apagar o incendio. Esa política non impediu que con periodicidade o monte ardese mentres enterrabamos millóns non só en cuadrillas de extinción –que cando menos daban emprego no rural, aínda que de forma clientelar–, senón tamén en medios materiais como motobombas e hidroavións, que deixaban boa parte dos beneficios en mans privadas, como non.

Cantos anos máis imos ter que soportar esta política sen que se busque unha alternativa? Nestes últimos 20 anos suxeriuse moitas veces a posibilidade de crear unha economía arredor do monte que dificulte a existencia de lumes. Un sistema de limpeza do monte que leve emprego ao rural e unha industria de recursos non madeirables son unha solución se cadra en principio cara que o actual conselleiro rexeita “porque é imposible que o monte estea sempre limpo”. Pero o lume non desaparece por procedementos policiais ou por arte de maxia. Unha de dúas, ou continuamos a gastar numerosos recursos en apagar os lumes que hai, ou investimos para evitar que se produzan.

Tras 20 anos de fracaso continuado da política de extinción actual, seguir a negarse a abordar unha alternativa é pura soberbia.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Horacio Vixande Horácio Vixande, xornalista, traballou na correspondencia da TVG en Vigo nos 90, foi xefe de prensa do Real Club Náutico de Vigo e e durante máis dunha ducia de anos redactor d'A Nosa Terra. Na actualidade dirixe O Cartafol, a primeira revista en galego para Ipads e outras tabletas.