Da Autonomía á bulería

Agora que a reacción centralista volve ao ataque contra as autonomías vai sendo hora de recoñecer que o limitado autogoberno acadado hai trinta anos explica moitos dos problemas actuais.

Por Rodri Suarez | A Coruña | 21/10/2011

Comparte esta noticia

Galicia está desaparecendo. Non como concepto xeográfico e gastronómico -que desgraciadamente é o que ten moita xente na cabeza cando se reivindica como galega- senón como suxeito político, o que inclúe tamén a súa derivación económica, social ou cultural. Imos camiño de ser un deses primeiros pobos do mundo que se extingan para que continúe a -falsa- evolución, como cantaba Siniestro Total, gloriosa banda galega que talvez tamén estea condenada ao baleiro cando chegue o tempo no que todo sexa bulería, bulería, más te quiero cada día.

Imos quedando sen caixas, sen sectores económicos estratéxicos, sen natureza viva, sen expresións culturais propias, sen recambio xeracional, sen equipos en Primeira. Sen Galicia. Non anda tan lonxe ese momento no que, como quere o PP, xa simplemente se nos poida cualificar como unha rexión balneario máis de España ou, como quere o PSOE, nun conxunto de municipios localistas que miran para Madrid. E posiblemente nin nos quede un pasado do que presumir, posto que se xa agora os nenos descoñecen que Galicia foi un importante Reino hai séculos que non pasará dentro duns anos, cando ata os libros de Historia da ESO leven na portada a Casillas e Iniesta.

Adeus a aquela trindade de Castelao sobre vacas, árbores e peixes -qué viejo eso, oyes-. No inminente deserto galaico o seu lugar será ocupado por cousas que non dean de comer, como trens híbridos que poucos poden pagar, caros portos exteriores de uso privado e amplos aeroportos sen xente cada cincuenta quilómetros. Para os morriñentos -qué galleguiño, tú- gardarase un himno rebautizado como 'Los Eucaliptos' no que berrar a coro polo “hogar de Don Manuel”, aquel guerreiro mítico.

Quedará unha resistencia, a mesma que agora loita para impedir que se cumpra este tétrico horizonte. Eles non sacarán da cabeza a mesma pregunta que se facía hai pouco Antón Baamonde: “¿Cuando se jodió?”. Pois como debemos ser un país raro, é posible que todo empezase a afundirse cando en teoría nos levantabamos. A considerable loita cívica que a finais dos anos setenta tomou as rúas de Galicia para reivindicar un autogoberno de alto nivel movíase en dúas direccións. Por unha parte, a maioritaria, solicitaba unha autonomía moi semellante á actual. Outros, menos pero importantes, pedían soberanía, un concepto que no fragor da época soaba a simple referendo de autodeterminación, pero que tamén falaba de conceptos como o do federalismo ou o estado plurinacional, xusto eses que se botan en falta na actualidade. Intentouse recuperalos en 2007 -en versión light centrista-  pero xa era suplicar esmola, porque cando á primeira méntencha dobrada e moi complicado que logo te vaian facer caso. Mira os cataláns, que xa están fartos, ou os vascos, que sofren algo menos a crise porque no primeiro asalto, que era decisivo, fixéronse coa fiscalidade propia.

Porque esta tímida autonomía galega actual fracasou. Que dous mequetrefes como Feijóo e Rajoy estean a punto de derrubala demostra o feble dos seus alicerces. As melloras que trouxo foron, na súa maioría, espellismos rebotados da entrada na Europa liberal, non o froito dun proceso propio. Iso quedou para contraditorios avances culturais. Certo é que a Xunta case sempre estivo en mans dos que non cren nela (como insiste Suso de Toro) pero non parece que sexa menos verdade que na mal chamada Transición perdeuse unha gran oportunidade para conseguir máis. Por exemplo, un Estatuto que blindara realmente un sistema financeiro propio e público, non este Estatutiño que calquera Méndez, Gayoso, Mafo ou Castellano pode facer saltar polos aires mentres enche o peto. Daquela debiamos ternos feito cun edificio robusto, non coa palloza sobre a lama na que vivimos.
Términos que agora soan pasados de moda resultan que non o son tanto. Quizais non estea tan desfasado volver falar de parlamentiño, cando o PP xa propón reducir o seu número de escanos e recortarlle competencias, das escasas que ten. Durante moito tempo foron ridiculizados aqueles que na Transición negáronse a entrar nalgúns xogos e pediron moito máis autogoberno do que se conseguiu. Tamén aos que se opuxeron á entrada na CEE en determinadas condicións pasoulles algo parecido. Pasados os anos e en vista da destrutora deriva dunha España que quere volver ao centralismo e unha Unión Europea entregada aos mercados neoliberais, talvez sexa o momento de recuperar, adaptadas ao presente, algunhas daquelas ideas. Igual tiñan razón en moitas cousas.

Galicia camiña cara a desaparición. Pode ser que quede tempo para evitala. Haberá que tirar de Gramsci e o optimismo da vontade. Se é posible, tamén da ambición que faltou outras veces. Ou iso, ou en 2020 para alimentarse moitos terán que roer as vías do daquela aínda novo AVE, ese no que só viaxarán a Madrid catro poderosos falando de austeridade antes de dirixirse ao luxoso vagón restaurante e pedir produtos do mar, que para eles era o único que merecía ser salvado da vella Galicia. Pero en realidade, daranlles pescada de Namibia e vieiras de Arxentina. Nin iso nos quedará.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rodrigo Suarez Rodri Suárez (A Coruña. 1974) é xornalista. Foi xefe da área de Política de Xornal de Galicia e xefe de Deportes en La Opinión de A Coruña, traballou en A Nosa Terra e DxT Campeón, foi guionista de humor para a TVG e colaborou ou colabora en varios medios, como en Localia Coruña (Turkia, La Prórroga) en Radio Coruña-Cadena Ser (A Tropa da Tralla ou a programación deportiva), Cope-Galicia ou as revistas Bravú e Interviú, que postas así compoñen un sorprendente pareado. Como o seu eixe vital anda entre Monte Alto e Fisterra ten o soño de ser fareiro.