O conselleiro de Economía insiste que os "indicadores" de Galicia "melloran a media española" en igualdade laboral

Francisco Conde considera o actual estado das cousas "insuficiente, si; pero mellor do que estabamos", e acusou aos socialistas de "faltar á verdade cando insinúan que a Xunta non cumpre a lei de igualdade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2019 | Actualizada ás 17:08

Comparte esta noticia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, defendeu que os "indicadores" de Galicia en materia de igualdade laboral entre homes e mulleres "melloran a media española" e, aínda que recoñece que os "avances" son "insuficientes", subliñou que a comunidade se atopa nunha situación "mellor que fai dez anos".

Así se expresou o titular de Emprego este mércores durante o pleno do Parlamento de Galicia en resposta a unha pregunta efectuada pola deputada socialista Patricia Otero relativa ás condicións laborais das mulleres. Francisco Conde acusou ao Partido Socialista de caer no "discurso recorrente" de "desconsiderar o traballo de todos os gobernos da Xunta" dos últimos anos. Uns executivos que, segundo o conselleiro, "dedican máis recursos" a políticas de igualdade que hai unha década.

O titular de Economía resaltou que "aínda queda camiño que percorrer no relativo á concialiación laboral", a eliminación da "brecha salarial" e no acceso das mulleres a postos directivos; pero sostén que "os indicadores" en materia de igualdade reflicten que a Comunidade galega "mellora" respecto ao conxunto estatal. "Insufiencente, si; pero mellor do que estabamos", aseverou Francisco Conde, que acusou aos socialistas de "faltar á verdade cando insinúa que a Xunta non cumpre a lei de igualdade" aprobada no ano 2007.

Na súa exposición, a deputada do PSdeG Patricia Otero denunciou que, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, as mulleres galegas cobran "máis de 5.000 euros anuais menos" que os seus compañeiros homes. Así, tras acusar á Xunta de non aplicar políticas recollidas na Lei galega de Igualdade do ano 2007 para paliar esta problemática, Otero apelou ao conselleiro a "meterse" en adoptar medidas para acabar coas diferenzas de retribución entre xéneros. "Atallar a brecha salarial compételle ao seu goberno", apostilou.

Conselleiro de Economía, Empreo e Industria, Francisco Conde.. XUNTA DE GALICIA
Conselleiro de Economía, Empreo e Industria, Francisco Conde.. XUNTA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta