Santiago anuncia que o viario Clara Campoamor regulará con semáforos o acceso á estación intermodal

O Concello compostelán asegura que "se cumprirán os prazos" porque a plataforma de acceso á estación de autobuses non estará terminada ata agosto de 2020.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2019 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

O viario Clara Campoamor de Santiago de Compostela contará finalmente con tres carrís, un en cada sentido da circulación e outro central. Ademais, a regulación dos accesos e saídas á nova estación intermodal faranse mediante semáforos e existirá carril bici nas dúas marxes.

O carril central terá un dobre uso: como carril de incorporación e saída de autobuses no ámbito da futura estación e como carril adicional de circulación nos accesos ás rotondas do Restollal e de Sar, tal e como recomendan os informes técnicos. Así o explicou este mércores o concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, na presentación do proxecto definitivo de reforma do viario, que está previsto que se aprobe o venres pola Xunta de Goberno local.

As obras dos accesos contan cun prazo de execución de cinco meses e un investimento previsto de 1,6 millóns de euros, IVE incluído. Segundo Jorge Duarte, o obxectivo do goberno municipal é "iniciar a licitación no prazo dun mes, para que as obras poidan comezar o próximo verán". Deste xeito, o edil incidiu en que "se cumprirán os prazos previstos, porque a plataforma de acceso á estación de autobuses non estará terminada ata agosto de 2020".

PROXECTO

O edil explicou que no proxecto terase en conta priorizar o funcionamento dos autobuses e facilitar o seu acceso e saída á estación con carrís de incorporación e con "ciclo semafórico adecuado". Ademais, máis do 65 por cento dos accesos á estación son a pé, "polo que se dá un tratamento e unha dimensión máis adecuada ás beirarrúas".

Polo mesmo motivo tamén se incorporou ao proxecto "unha plataforma elevada, similar á que funciona en Montero Ríos", para darlle continuidade á praza pública que se creará nos accesos á plataforma da estación, que estará regulada con balizas semafóricas" e que axudará a conectar a estación con Brañas de Sar.

CIRCULACIÓN DE AUTOBUSES

En canto á circulación de autobuses, Duarte explicou que ao ter en conta o Plan de Transportes da Xunta que entrará en vigor a finais de ano, os datos indican que na estación entrarán e sairán 430 autobuses ao día. "Estimamos que se producirán 20 entradas e saídas por hora, o que significa que a interrupción semafórica será cada tres minutos, unha cadencia normal en calquera rúa", asegurou.

Doutra banda, os autobuses metropolitanos que paran na rúa da Rosa farano na parte superior da rúa do Hórreo, "uns 230 diarios aproximadamente". Deste xeito, "atenderase a unha vella demanda dos veciños da Rosa, que levan anos mostrando o seu malestar polo ruído e o excesivo tráfico provocado por esa parada". Jorge Duarte mostrouse convencido de que non haberá problemas de tráfico na rúa do Hórreo e explicou que nas últimas semanas mantivo reunións co Ministerio de Fomento nas que, entre outros temas, "acordouse permitir o acceso a Sar desde o Hórreo, que agora está prohibido e que con este cambio motivaría a súa maior utilización".

A viaria Clara Campoamor de Santiago terá tres carrís e regulará con semáforo
A viaria Clara Campoamor de Santiago terá tres carrís e regulará con semáforo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta