Fisioterapia para acelerar a recuperación nos procesos de catarro e gripe

Os fisioterapeutas recomendan realizar exercicios respiratorios diafragmáticos e da grella costal, que permitan expectorar, controlar a tose e activar e relaxar a musculatura inspiradora e espiradora.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/02/2019 | Actualizada ás 11:52

Comparte esta noticia

O Colexio de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) defende que a súa disciplina contribúe a mellorar o estado físico e anímico durante a evolución dos procesos de catarro e gripe, acelerando o proceso de recuperación destas afeccións estacionais propias do inverno. Así se pon de manifesto no videoconsello deste mes de febreiro da campaña ‘12 meses, 12 consellos de saúde’.

Campaña de CoFiGa contra a gripe.
Campaña de CoFiGa contra a gripe.

Tal e como explican os fisioterapeutas no videoconsello, durante o trascurso destas enfermidades propias do inverno pódense producir tanto problemas respiratorios (tose, expectoración, conxestión nasal) como tamén doenzas musculares e das articulacións, que poden facer aínda máis pesado un proceso de recuperación que na maioría dos casos adoita durar entre sete e dez días.

Para evitar algunhas destas doenzas derivadas da gripe, o catarro ou a pneumonía, os fisioterapeutas recomendan realizar exercicios respiratorios diafragmáticos e da grella costal, que nos permitan  expectorar, controlar a tose e activar e relaxar a musculatura inspiradora e  espiradora.

Aconsellan ademais levantarse e camiñar pola casa frecuentemente, para evitar que se incremente a dor nas articulacións. “Durante estes procesos transitorios pasamos moitas horas tombados na cama ou no sofá, polo que movernos, cambiar de postura, e mesmo dar pequenos paseos pola casa, pode axudarnos a evitar a dor de costas, especialmente na zona lumbar”, explican os fisioterapeutas.

Doutra banda, tamén resulta de gran axuda realizar movementos de flexión, extensión e abdución cos brazos, así como co pescozo, alternando rotacións de dereita a esquerda, cara arriba e cara abaixo. Estes exercicios, realizados en series de seis, en secuencias de 30 segundos, durante catro veces ao día, son de gran axuda á hora de evitar outros posibles problemas derivados.

Por último, os fisioterapeutas recomendan reincorporarse de forma progresiva ás actividades habituais e acudir á consulta do fisioterapeuta se persisten as dores de costas ou a dificultade respiratoria, propia destes procesos estaciones, unha vez superados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta