Sánchez ofreceulle a Calviño ir nas listas do 28-A, pero ela non ten claro que sexa así como máis aporte

O PSdeG traslada a súa "lealdade e apoio" á ministra no ámbito no que "considere que debe estar presente"

Por E.P. | Santiago de Compostela | 28/02/2019 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

A ministra de Economía, Nadia Calviño, confirmou este mércores que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ofreceulle ir nas listas para as próximas xerais do 28 de abril, pero indicou que non ten claro se é a maneira na que "maior valor engadido" pode achegar. No entanto, recalcou que está a disposición do presidente.

"Ao presidente díxenlle que estou totalmente a disposición, e comprometida con el e con España. Haberá que ver onde podo achegar maior valor engadido; non estou segura de que indo nunha lista sexa onde eu podo facer unha contribución máis grande", recalcou nunha entrevista na Cadena Ser recollida por Europa Press.

Desta forma, Calviño confirmaba o ofrecemento do presidente, pero aseguraba que non falaran dos detalles. Con todo, incidiu en que ambos ven as cousas "da mesma maneira" e que para ela "está a ser un verdadeiro luxo poder participar" neste Executivo. Neste sentido, a ministra de Economía apuntou que cando chegaron ao Goberno atoparon unha situación "extraordinaria" na que debían "deixar atrás a corrupción". Malia ser conscientes de que sería unha etapa curta no tempo tomaron as súas responsabilidades con "enorme ilusión e cohesión".

Así, Calviño explicou que cando foron nomeados ministros fixérono sabendo "que a situación era difícil" e que o horizonte era de máximo dous anos. "Tiñamos claro que ía ser curta, por iso traballamos con dobre ímpeto; estou moi satisfeita con estes meses", engadiu, para recalcar que fai un balance positivo a pesar de que "quedan cousas no tinteiro".

APOIO DO PSDEG

Precisamente, debido á súa orixe galega, especulouse con que Nadia Calviño podería ser a cabeza da lista do PSOE pola Coruña para o Congreso. Preguntado respecto diso, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que a ministra contará coa "lealdade e apoio" dos socialistas galegos decida o que decida tanto ela como a dirección federal do PSOE.

"É unha magnifica ministra, ten un papel activo na política económica do país e, por tanto, ten un espazo moi importante que cubrir onde a dirección federal considere que ten que xogar", manifestou.

Así o dixo nunha rolda de prensa ofrecida este xoves e na que asegurou que o PSdeG "articulará as mellores listas" para conseguir que Pedro Sánchez sexa presidente do Goberno tras as xerais do 28 de abril. "Temos banco", sinalou Gonzalo Caballero, que incidiu en que Galicia contribuirá a que Pedro Sánchez teña unha "maioría sólida, suficiente e capaz de manter un goberno". "Nesa liña, buscaremos os mellores candidatos", apuntou.

A ministra de Economía Nadia Calviño atende aos medios no II Dixital Futu. David Zorrakino - Europa Press
A ministra de Economía Nadia Calviño atende aos medios no II Dixital Futu. David Zorrakino - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta