Caballero acusa a Feijóo de deixar unha Galicia "peor" na véspera do seu 10º aniversario á fronte da Xunta

O secretario xeral do PSdG resaltou, sobre todo, os recortes nos servizos públicos, como a sanidade ou a educación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2019 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de deixar "unha Galicia en peores condicións" tras os seus dez anos á fronte do Goberno galego.

Así se pronunciou o líder dos socialistas galegos na véspera do 1 de marzo, xornada na que se cumpre unha década desde a primeira vitoria electoral de Feijóo, cunha maioría absoluta no Parlamento que permitiu desbancar o bipartito de PSdeG e BNG.

Respecto diso, Gonzalo Caballero lembrou que pasaron dez anos da campaña na que o daquela candidato do PPdeG á Xunta dicía que "asinaba un contrato cos galegos". "Pasaron dez anos e Feijóo fixo unha foto falsa, un contrato incumprido na súa tarefa pública no que non nos ensinou a letra pequena", censurou.

"Os datos mostran a realidade do fracaso da xestión pública de Feijóo", argumentou o dirixente socialista, que lamentou que cada vez "haxa menos galegos" nunha Galicia na que "nacen menos nenos" e a poboación está máis envellecida.

"RECORTES" EN SERVIZOS PÚBLICOS

Así mesmo, denunciou os "recortes" en servizos públicos "fundamentais" como a sanidade e a educación, e aproveitou para afear ao presidente galego a súa incapacidade para resolver a "crise" do sistema sanitario público. "Feijóo desfixo os servizos públicos, especialmente a sanidade, e non conseguiu cumprir os seus obxectivos, á vez que disparou a débeda pública", apuntou.

"Se falamos de emprego, o paro subiu: o xuvenil, o de longa duración...", censurou o xefe de filas do PSdeG, que tamén lamentou a perda de peso dos sectores produtivos e a desaparición de "empresas emblemáticas". Ademais, tras referirse a a falta de impulso da cultura galega neste últimos dez anos, censurou que Feijóo venda unha "falsa imaxe" de bo xestor que contrasta coa realidade.


ELECCIÓNS XERAIS

Por outra banda, preguntado pola proposta exposta polo portavoz de En Marea, Luís Villares, de crear "unha gran plataforma progresista" para presentarse ás eleccións do próximo 28 de abril ao Senado, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, descartou esta posibilidade que xa fora rexeitada polo portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga.

Así, tras asegurar que lle agrada que forzas de esquerdas poidan chegar coa "máxima forza posible" ás Cortes xerais, asegurou que a prioridade do PSdeG é traballar para que Sánchez estea á fronte dun goberno de esquerdas.

Gonzalo Caballero acusa a Feijóo de deixar 'unha Galicia en peores condicións' tr
Gonzalo Caballero acusa a Feijóo de deixar 'unha Galicia en peores condicións' tr | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta