O director da TVG atribúe a "bulos" as críticas sobre "represalias" e "manipulación"

Di que esas afirmacións "non teñen ningún fundamento".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2019 | Actualizada ás 15:26

Comparte esta noticia

O director xeral da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, censurou os "bulos" que ao seu xuízo se verten sobre a situación do ente público, tanto no que respecta á suposta "manipulación" informativa como ás "represalias" a traballadores.

Sánchez Izquierdo atribúe a 'bulos' e a afirmacións 'sen fundamento' as críti
Sánchez Izquierdo atribúe a 'bulos' e a afirmacións 'sen fundamento' as críti | Fonte: Europa Press

No transcurso da Comisión Permanente non Lexislativa de Control da Corporación da RTVG celebrada no Parlamento de Galicia, Sánchez Izquierdo asegurou que as supostas "represalias" a traballadores "non teñen ningún fundamento", como demostraría que algúns dos que "leron manifesto" ou interviñeron na pasada folga e nas protestas dos denominados 'Venres Negros' "seguen en altos postos de responsabilidade".

Así o respondeu ante a pregunta formulada pola deputada do BNG Noa Presas sobre a situación dunha traballadora á que, despois de que unha sentenza xudicial lle recoñecese a categoría de redactora, sexa apartada das funcións que desenvolvía, en referencia, aínda que sen citala, á xornalista Marga Pazos.

Noa Presas ironizou que sería "casualidade ou esconxuro de deuses" que a decisión se adoptase tras unha sentenza xudicial pero que se parecía "máis unha caza de bruxas", aínda que Sánchez Izquierdo defendeu que a decisión se deriva de cuestións laborais por parte do departamento de recursos humanos.

Nunha Comisión na que os grupos da oposición reiteraron as acusacións de "manipulación" informativa, o director da CRTVG alertou de que "seguir tirando pedras contra o tellado" do ente público "é unha falta de responsabilidade", porque "soporta miles de traballadores e é o maior altofalante de Galicia"

"O impulso de responder é grande", "pregúntannos por que non utilizamos os nosos medios para desmentir bulos" pero "na nosa responsabilidade está non interferir", remarcou, para agregar que "quen crea que construír un relato como o que se está construíndo ao redor da CRTVG beneficia ao sector audiovisual e aos traballadores está moi equivocado".

No transcurso da Comisión, a deputada do Partido Socialista Noela Blanco criticou a cobertura realizada ás protestas da sanidade na TVG, ao entender que demostra a falta de "pluralidade e de obxectividade" dun ente público no que despois de "41 Venres Negros" —a denominación das protestas de traballadores cada venres— a "manipulación vai in crescendo".

En concreto, Noela Blanco explicou que a cobertura da protesta contra o Goberno na praza de Colón de Madrid ocupara máis de 15 minutos do informativo central do 4 de febreiro fronte aos 3 minutos que se lle dedicou á mobilización contra a sanidade nos que, ademais, se incluíu a valoración do Sergas. Unha cobertura sobre Madrid na que "non se utilizou en ningún momento as palabras extrema dereita".

Ás críticas do PSOE, que tamén cuestionou que non se abordase, ata o minuto 20 de información, a noticia da dimisión dos Xefes de Servizo da área sanitaria de Vigo, Sánchez Izquierdo replicou que "o conflito da sanidade está a ser un dos temas con máis presenza nos últimos meses" e nos que a canle pública "estivo á altura".

E no caso concreto da protesta, reivindicou que a información que "non foi asimétrica á dos medios de comunicación en Galicia", que tamén priorizaron nas súas portadas a protesta de Colón, como analizou Galicia Confidencial.

Precisamente, xustificou a atención prestada á manifestación de Madrid polas "imaxes impactantes" que deixou, unha valoración censurada pola deputada socialista, para a que demostra que a TVG é "un apéndice do PP", caracterizado por "a súa falta de rigor e veracidade".

A representante socialista tamén denunciou as supostas "purgas" da TVG, a traballadores como Tati Moyano e Alfonso Hermida ou, recentemente, a Marga Pazos, "apartada por estarse a mobilizar continuamente" e mostrou as súas dúbidas sobre os servizos mínimos establecidos para a folga de traballadores do 19 de decembro.

Pero Sánchez Izquierdo censuroulle que "asocie un problema de carácter estritamente laboral a unha acción represiva contra un traballador da CRTVG".

"Non llo podo tolerar", apuntou, para concluír que non foi a traballadora senón "un sindicato" o que denunciou á compañía pública por vulnerar o dereito de folga o pasado 8 de marzo, cando a ausencia de Marga Pazos foi cuberta por outro traballador que non secundaba a mobilización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta