Medio Rural prepara unha lei para mobilizar terreo agrario en desuso

O obxectivo é aumentar a rendibilidade de 10.000 hectáreas inutilizadas, para as cales se poñerán en marcha 15 polígonos agrogandeiros e forestais pilotos

Por E.P. | VIGO | 28/02/2019 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

O conselleiro de Medio Rural, José González, avanzou que este departamento autonómico aspira a mobilizar as terras que se atopan inutilizadas. Faríao a través dunha nova normativa co obxectivo de crear actividade económica en toda Galicia.

Para iso, este ano, presentarase no Parlamento de Galicia a Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria, segundo precisou a Xunta nun comunicado. A iniciativa, que desenvolve o Grupo Parlamentario Popular, busca unha planificación integral do chan e dos seus usos para darlle seguridade xurídica e aumentar a rendibilidade dos propietarios e os destinatarios.

Ademais, no marco do encontro Galicia Market Place, celebrado este xoves en Vigo, o conselleiro incidiu en que a aplicación da normativa realizarase a través de procesos de compra ou aluguer a demanda dos interesados. Tamén confirmou que non se producirán expropiacións no marco desta lei.

Así mesmo, na súa intervención no foro, concretou que a normativa permitirá crear polígonos agrogandeiros e forestais. En principio, poranse en marcha un total de 15 polígonos piloto co obxectivo de mobilizar ao redor de 10.000 hectáreas de terras inutilizadas.

O conselleiro do Medio Rural tamén instou aos empresarios a apostar polo rural. Nesta liña, resaltou as posibilidades deste medio e puxo en valor a "singularidade" do terreo. Así pois, sinalou a necesidade de que o rural galego promova "a calidade, a diferenciación e a singularidade" para garantir a súa rendibilidade.

Paisaxe rural
Paisaxe rural | Fonte: Xunta.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta