A Xunta presume de cursos para aprender galego, xusto cando a lingua volve estar no centro do debate político

Presentan un programa que incorpora por primeira vez o preparatorio das probas de acreditación do Celga no seu nivel tres

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2019 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

A lingua galega está de novo no meollo do debate político e é obxecto de acusacións entre uns e outros partidos. Este mesmo xoves 28 de febreiro, Feijóo non se opoñía ao discurso do PP de Madrid -que quere eliminar o requisito de saber galego para acceder á administración pública- , pero a Administración autonómica presume agora de apostar polos cursos formativos para aprender o noso idioma: cursos de teleformación que incorporan por primeira vez o preparatorio das probas de acreditación do Celga no seu nivel tres.

O Plan de Formación en Lingua Galega, que a Xunta leva a cabo en colaboración con outras institucións como as escolas de idiomas ou as universidades, foi presentado este xoves polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Ofértanse prazas  para o Celga, linguaxes específicas para funcionariado e persoal da Administración (especialidades administrativa e xurídica) e ensino medio e superior, e daráselle cobertura a máis de 7.000 alumnos en Galicia. Será nas áreas de galegofalantes do exterior, no resto de España, en Europa e en América, segundo sinalou Valentín García na rolda de prensa ofrecida en Santiago de Compostela.

UN TOTAL DE 82 CURSOS

En concreto, o plan de formación para 2019 inclúe un total de 82 cursos preparatorios das probas do Celga. Deles, 36 son organizados directamente pola propia Secretaría Xeral, outros 36 en colaboración coas escolas oficiais de idiomas, e 10 de forma conxunta coa Rede de Dinamización Lingüística.

En total, os 82 cursos suman 2.340 prazas a disposición da cidadanía, que poderá optar pola modalidade presencial ou, no caso da preparación para os niveis Celga 1, Celga 3 e Celga 4, pola teleformación. A novidade neste 2019 é a posibilidade de poder realizar, por primeira vez, cursos do nivel tres no sistema de acreditación oficial.

Máis aló do Celga, a formación en lingua galega presentada este xoves inclúe formación especializada, con case 50 cursos de linguaxe administrativa e xurídica -máis de 30 en liña- desenvolvidos en colaboración coa EGAP, coas escolas oficiais de idiomas e, nalgúns casos, con outras institucións como a Deputación da Coruña, concellos ou o Colexio de Avogados de Santiago.

No ámbito universitario, os convenios entre Política Lingüística e as tres institucións da educación superior en Galicia permitirán organizar outros 25 cursos dirixidos a estudantes ou persoal docente e investigador, o que suma máis de 600 prazas á oferta incluída no plan.

APRENDIZAXE NO EXTERIOR

Dita oferta complétase coa formación en galego ofrecida fóra da Comunidade galega. Esta inclúe o Programa de promoción do galego no Bierzo e Sanabria, froito da colaboración entre a Xunta e a Xunta de Castela e León.

Ademais, no IE Cañada Blanch de Londres aprenden galego case outros 100, uns 500 no caso do Colexio Santiago Apostol de Buenos Aires, e 400 no Colexio Castelao de Caracas, entre outros.

O novo Plan de Formación en Lingua Galega da Xunta aposta polos cursos ou. XUNTA
O novo Plan de Formación en Lingua Galega da Xunta aposta polos cursos ou. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Vitoria

Si, todo moi ben, pero despóis chegan os profesores de Zamora ou Valladolid, e dinche 'tengo que daros la clase en gallego, y este es el gallego que hablo, así que así van a ser mis clases'. Vamos, unha parvada de medidas que non serven pra nada.