Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 03/03/2019 | Actualizada ás 12:00
Naqueles casos en que unha persoa fai –ou en que queremos que unha persoa faga– unha determinada cousa con rapidez, ou ben con máis rapidez da que está empregando nese momento ou ben con toda a rapidez que poida, cada vez é máis corrente escoitar a locución *darse présa, a día de hoxe non recolleita na norma na medida en que se trata dunha construción espuria que calca tanto léxica coma formalmente a correspondente locución castelá darse prisa.
E coma sempre nestes casos, o emprego cada vez máis xeneralizado e continuado do dito calco fai que as formas expresivas que temos de noso vaian reducindo o seu espazo de uso e queden progresivamente máis acantoadas. Vexamos, pois, na presente entrega varias formas de expresar en galego o mesmo contido que ofrece a locución castelá darse prisa:
Darse prisa
{= Facer alguén unha cousa con rapidez, con máis rapidez da que está a empregar ou con toda a rapidez que poida.}
Andar lixeiro(s)/a(s)
Andar lixeiro
Ex.: Si no nos damos prisa, vamos a perder el tren.
Se non andamos lixeiros ‡ andamos lixeiro, imos perder o tren.
Ex.: Ahora, con el marcador a favor, la portera no se da ninguna prisa.
Agora, co marcador a favor, a porteira non anda nada lixeira ‡ non anda nada lixeiro.
APUNTAMENTO 1: Obsérvese que na primeira das opcións expresivas en galego –probablemente a máis habitual ou empregada–, a voz lixeiro asume a función sintáctica de predicativo do suxeito e actúa a xeito de adxectivo, concordando, daquela, en xénero e número co dito suxeito. Exs.: Anda lixeiro, mozo. VS. Anda lixeira, moza. VS. Andade lixeiros, mozos. VS. Andade lixeiras, mozas. Pola contra, na segunda das expresións funciona coma un adverbio (isto é, coma unha palabra invariable, sen flexión de xénero nin de número) equivalente a “rápido, axiña”. Este mesmo fenómeno tamén acontece respecto das expresións ir # bulir # correr lixeiro(s)/a(s). |
● Tamén, máis ou menos acaídas en función dos contextos:
Ir # Bulir # Correr lixeiro(s)/a(s) && Ir # Bulir # Correr lixeiro && Meterlle # Poñerlle # Darlle présa && Ir # Andar con présa && Ir # Andar de avío && Andar # Ir # Bulir axiña && Andar # Ir # Bulir á présa && Andar # Ir # Bulir rápido && Andar # Ir # Bulir polo aire && Sacudir a canela && Aviar pronto && Darlle aire á saia && [E MESMO, INDA QUE EN OCASIÓNS, E EN FUNCIÓN DOS CONTEXTOS, PODEN DAR A ENTENDER QUE SE TRATA DE ALGO QUE SE ESTÁ A FACER RÁPIDO DE MÁIS]: Andar # Ir # Bulir a correr && Andar # Ir # Bulir á(s) carreira(s)
Ex.: Se non imos lixeiros/lixeiro ‡ bulimos lixeiros/lixeiro ‡ corremos lixeiros/lixeiro ‡ lle metemos/poñemos/damos présa ‡ andamos/imos/bulimos axiña ‡ andamos/imos/bulimos á présa ‡ andamos/imos de avío ‡ andamos/imos/bulimos rápido ‡ andamos/imos/bulimos polo aire ‡ aviamos pronto ‡ sacudimos a canela ‡ lle damos aire á saia ‡ andamos/imos/bulimos a correr ‡ andamos/imos/bulimos á(s) carreira(s), imos perder o tren.
Ex.: Agora, co marcador a favor, a porteira non vai (nada) lixeira ‡ non vai (nada) lixeira ‡ non lle mete/pon présa (ningunha)‡ non anda/vai con présa (ningunha) ‡ non anda/vai (nada) axiña ‡ non anda/vai (nada) á présa ‡ non anda/vai (nada) rápido ‡ non sacode a canela ‡ non avía pronto ‡ non anda/vai (nada) a correr.
APUNTAMENTO 2: Obsérvese que a voz bulir, que aparece en varias destas expresións, xa fornece en por si a significación de realizar algunha acción de forma rápida, de tal xeito que a suma do seu significado co da locución ou adverbio que lle segue non constitúe máis ca un pleonasmo (isto é, o emprego dun ou máis vocábulos innecesarios para expresar un contido) ou, en todo caso, reforza esa idea de rapidez ou lixeireza. Tamén probablemente sexa ese o motivo polo que estas formas con bulir + complemento resultan máis ben pouco empregadas (cando menos, esa é a impresión que temos) en expresións de enunciación negativa, coma no segundo dos exemplos que se reflicten. |
● Tamén:
Apurar && Apresurarse && Espabilar && [E MÁIS OU MENOS ACAÍDAS EN FUNCIÓN DOS CONTEXTOS]: Menearse && Acelerar && Abreviar
Bulir && Apurar(se) && Apresurarse && Arrequecer && Espelir(se) && Aguillar && Xurdir && Aviar && [E MÁIS OU MENOS ACAÍDAS EN FUNCIÓN DOS CONTEXTOS]: Menearse && Acelerar && Abreviar
Ex.: Se non bulimos ‡ apuramos ‡ nos apresuramos ‡ arrequecemos ‡ (nos) espelimos ‡ xurdimos ‡ aviamos ‡ nos espelimos ‡ aceleramos, imos perder o tren.
Ex.: Agora, co marcador a favor, o porteiro non bole (nada/nadiña) ‡ apura (nada/nadiña) ‡ non se apresura (nada/nadiña) ‡ non arrequece (nada/nadiña) ‡ non (se) espile (nada/nadiña) ‡ non xorde (nada/nadiña) ‡ avía (nada/nadiña).
NOTAS:
1. Estreitamente relacionadas coas expresións do presente artigo (de feito, mesmo poden confluír con elas en certos contextos) atópanse as correspondentes ás secuencias castelás ¡deprisa!, ¡espabilando, que es gerundio! e mais darle/meterle caña a algo, que abordaremos nas tres vindeiras entregas.
2. En relación coa locución adverbial á présa, que o DRAG define como “con rapidez e de maneira precipitada ou atropelada”, queriamos facer algúns comentarios:
a) Entendemos que a definición non é exacta de vez, na medida en que á présa tamén pode ser simplemente empregada como sinónimo de rápido, de con rapidez, celeridade, presteza ou prontitude (ou sexa, implicando rapidez na realización de algo, pero non necesariamente precipitación nin atropelamento). Así se pode observar en casos do tipo de ¡Este rapaz si que talla as árbores á présa, e non coma vós, que parecedes reumas!, ou en practicamente todos aqueles en que a dita locución vai precedida e modificada por adverbios do tipo de máis: Como non traballedes máis á présa, non acabamos hoxe.
b) No propio DRAG dan como locución sinónima ás présas, respecto da cal non nos atrevemos a afirmar con certeza (así como tampouco a negar) que leve sempre implícito o dito matiz de precipitación ou atropelamento, isto é, de maior rapidez ou celeridade da que se considera axeitada ou correcta para a execución ou realización de algo. Todo o máis que podemos dicir ó respecto é que no noso emprego natural si que leva asociado ese sema. En todo caso, se alguén a emprega de xeito natural nalgún contexto fornecendo simplemente a significación de con rapidez, celeridade, presteza ou prontitude, agradeceríase información ó respecto.
c) Ademais, desde aquí entendemos que tamén sería susceptible de ser empregada, como locución totalmente sinónima de á présa (e sen prexuízo de que, se cadra, se poida priorizar esta por ser o seu emprego moito máis común), a locución de présa, non recolleita a día de hoxe no DRAG pero rexistrada en diversas fontes (entre as que podemos citar a recolleita oral, o TILG –mesmo xa en obras do século XIX– ou o Dicionario Fraseolóxico Galego de Martínez Seixo).
3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Franco Grande, Xosé Luís: Diccionario galego castelán e vocabulario castelán-galego (2ª edición). Publicado en 1972. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- García González, Constantino: Glosario de voces galegas (1985). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- García González, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.
- García Represas, Delio: Estudio na fala de Xinzo, Ponteareas. Contribución á lingüística descriptiva do galego. Tese de licenciatura, 1996. Universidade de Santiago de Compostela.
- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano, de entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (en liña).
- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):
a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.
b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.
c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.
- Sobreira Salgado, Juan: Material lexicográfico elaborado por Juan Sobreira Salgado entre 1787 e 1805. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego, publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.