A Xunta nega que o eucalipto sexa unha especie invasora

O Goberno galego presenta un informe como contestación á demanda interposta polo Concello de Teo contra a resolución do Ministerio de Agricultura na que negaba a inclusión do eucalipto no catálogo de especies exóticas. O documento xustica a expansión desta árbore na "súa alta rendibilidade socioeconómica".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/02/2019 | Actualizada ás 19:18

Comparte esta noticia

A Xunta presentou un informe como contestación á demanda interposta polo Concello de Teo (A Coruña) ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, na que o Goberno galego defende que o eucalipto "carece" de carácter invasor con base "nas evidencias científicas".

Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/
Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/

O Concello de Teo interpuxo un procedemento contencioso-administrativo contra a resolución do Ministerio de Agricultura na que negaba a inclusión do eucalipto no catálogo de especies exóticas. Ante isto, a Administración autonómica presentouse no procedemento como parte interesada.

Así, no informe realizado polo Goberno galego cítanse diferentes estudos para defender que a "dispersión natural fóra dos límites de plantación é moi limitada", polo que de producirse a súa supervivencia "é remarcablemente baixa".

Ademais, defende que a "naturalidade ou seminaturalidade" dos hábitats de plantacións de eucaliptos en Galicia "é escaso ou nulo", xa que "as elevadas taxas de deforestación dos bosques primixenios ao longo dos séculos conduciu a unha transformación completa dos hábitats, eliminando todo vestixio de naturalidade na práctica totalidade" do territorio galego.

"O pirofitismo é unha cualidade biolóxica de determinadas especies, que xeraron estratexias de supervivencia fronte aos episodios traumáticos que producen os incendios forestais, adaptándose a eles co fin de asegurar a súa propia supervivencia, pero dita supervivencia non implica a súa dispersión fóra dos límites da plantación", engade.

Xunto a isto, a Xunta defende o "impacto directo na economía familiar" derivadas das curtas de eucalipto. Por tanto, sinala que a súa "dispersión non é consecuencia dun carácter invasor, propio de especies que presentan unha elevada capacidade reprodutiva e de expansión a distancias significativas e con altas taxas de supervivencia en estadíos iniciais, provocando procesos de naturalización", senón que "a explicación radica na súa alta rendibilidade socioeconómica que produciu unha expansión artificial".

RESPOSTA DO CONCELLO DE TEO

Ante estas alegacións, a concelleira de Promoción Económica do Concello de Teo, Conchi García, lamenta que a Xunta se base en argumentos como que, dado que o parque forestal galego "xa foi esquilmado, non queda nada que preservar", polo que lamenta que se defenda a plantación "indiscriminada" de eucalipto como "unha caritativa eutanasia ambiental".

Así mesmo, critica que se obvie o estudo do Comité Científico de Flora e Fauna de 2017 no que se ditamina o carácter invasor do eucalipto, con "distinguidos membros da comunidade científica".

Ademais, censura que a Xunta fale de beneficio económico, pero "non ten en conta o impacto que esta invasión descontrolada de eucalipto está a producir sobre terras de pasto", de forma que os gandeiros "cada vez contan con menos superficie". A isto únense os danos producidos sobre o patrimonio arqueolóxico.

Finalmente, sobre a expansión desta especie, o Concello de Teo lembra que aumentaron as previsións que realizaba o plan forestal, mentres a nova revisión contempla "un incremento da superficie arborada desta especie de 25.000 novas hectáreas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Burgoma

Tamén nega que o español é unha lingua invasora. Fan o seu traballo: matar Galiza e unificar e recentralizar ao estado. En cen anos na península ibérica haberá 3 estados: Portugal, Catalunya e España. Euskalherría seguirá en España pero practicamente como estado asociado. Falarase portugués, español, basco e catalán. Galicia será unha provincia de Madrid, a súa praia e despensa. E todo esto sendo optimista...