Cara ao 8M: estudantes "indómitas" atopan "mil motivos" para apoiar a folga

Setenta alumnas do IES Álvaro Cunqueiro de Vigo poñen o foco nas violencias machistas que persisten nas aulas. Os seus compañeiros homes ocupan máis espazos no patio e os libros de texto están baleiros de referentes femininos.

Por Silvia López | Santiago de Compostela | 01/03/2019 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

“Serás aquela que quixeches ser, serás a indómita muller. Serás no ar un puño a arder. E ti, só ti, a terra ti farás tremer”. Así versiona Sés esta canción do grupo El Diluvi e así fan soar as mozas do IES Álvaro Cunqueiro de Vigo a súa viaxe cara ao 8-M. As mulleres bravas de hoxe que labran o camiño para o futuro grazas ás mulleres bravas do pasado que lles foron abrandando a terra.

Unha cinta violenta é o símbolo que identifica e 'sororiza' estas estudantes
Unha cinta violenta é o símbolo que identifica e 'sororiza' estas estudantes | Fonte: Remitida: IES Álvaro Cunqueiro de Vigo

 

Son setenta rapazas nadas no novo milenio. Fitan o mundo con ollos críticos. Sábense independentes e afortunadas por “poder estudar, saír e elixir libremente” con quen se relacionar. Mais pregúntanse algo: “realmente acadamos a igualdade pola que loitaron as nosas predecesoras?” Esa foi a cuestión que invadiu os miolos de estudantes e profesoras deste instituto vigués: querían analizar os motivos para apoiar a xornada do 8 de marzo, día da Muller. E atopáronos, claro. Moitos. (Por desgraza).

 

“Constatamos que nas aulas aínda se exercen violencias machistas, que non ocupamos os mesmos espazos cós nosos compañeiros que teñen a maioría das zonas de ocio e marcan os patróns de xogo e deporte que se practican no centro”. Cóntano nas redes sociais do centro educativo, dende onde comparten un vídeo que elas mesmas protagonizan e no que se presentan indómitas e con ganas de ser o que queren ser.

'Vou polas que xa non poden ir', o lema que escolleu unha estudante para a folga do 8 de marzo
'Vou polas que xa non poden ir', o lema que escolleu unha estudante para a folga do 8 de marzo | Fonte: Remitida: IES Álvaro Cunqueiro de Vigo

 

REFERENTES FEMININOS

 

Nesa conformación da identidade propia, botan en falta referentes femininos nos que fixarse. “A historia, a ciencia e a literatura que aprendemos nas aulas é maioritariamente de homes, recollida e contada por homes, mentres a de milleiros de mulleres non aparece nos libros de texto”, quéixanse. 

 

Historia, ciencia, literatura... Bo é que cada vez hai máis colectivos que apostan por visibilizar as figuras con nome de muller nestes e outros ámbitos nos que, tradicionalmente, son agochadas. Por exemplo, a Asemblea Nacional de Estudantes Galegas (ANEGA) vén de celebrar este xoves 28 de febreiro un coloquio participativo no IES Politécnico de Vigo para abordar o papel da muller no mundo da ciencia.

 

Do mesmo xeito, tamén nesa liña de ofrecer posibles espellos nos que mirarse, naceu a colección de libros infantís Mulleres bravas da nosa historia, de Urco Editora. Xulia Minguillón, Rosalía de Castro, Pepa a Loba, María Victoria Morena e Maruja Mallo forman parte desta serie de obras que ben podería ser infinda.

 

Outra iniciativa recente pero que camiña no mesmo sentido é a de Referentes Galegas, unha guía de mulleres con talento dirixida ás novas xeracións. Cando as mozas máis novas teñen que escoller futuro profesional, “non atopan referencias", dicían na presentación do proxecto. Iso supón “unha barreira para alcanzar a igualdade”. Por iso, este directorio recollerá unha chea de mulleres profesionais e procurará aumentar a súa presenza alí onde se xera coñecemento e opinión.

 

O PAPEL DO ENSINO

 

Son todas elas propostas enmarcadas na loita feminista, loita que as rapazas do IES Álvaro Cunqueiro consideran, á súa vez, “autodefensa”. Unha vía na que suxiren incidir para seguir labrando camiño é a do ensino. “A escola xoga un rol fundamental na nosa formación e constrúe a imaxe do mundo que vemos. Queremos que sexa igualitaria e non sexista”.

 

Esta “irmandade de indómitas mulleres” -así se presentan- tinguirá de lila os corredores do instituto e expoñerá os seus “1000 motivos” para sumarse á folga do 8-M. Para iso tamén empregarán as ferramentas que lles posibilitan difundir os seus proxectos na web. “Somos a xeración 3.0”, reivindican.

 

Apoderamento e sororidade son dous conceptos que están “aprendendo” e que, á vista destas iniciativas que se van multiplicando, semellan botar raíces nestas mentes novas que termarán do futuro. “A igualdade aínda está por conquistar”, pensan. Este 8 de marzo, elas e todas nós faremos “tremer a terra”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta